O pavillón polideportivo da Malata en Ferrol acolle o Campionato Galego de Karate
> Un total de 122 competidores pertencentes a 23 clubs de ámbito autonómico daranse cita neste campionato que se disputará nas categorías cadete, júnior e sub-21; e nas modalidades de Kumite e Kata individual masculino e feminino.
> Os medallistas formarán parte da preselección que se fará o vindeiro día 2 de novembro en Santiago e da que sairá o equipo que participará na fase previa do Campionato de España a celebrar os días 23 e 24 de novembro en Cáceres.
>>>>>>>>>>
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou o Campionato Galego de Karate que se disputará no Pavillón Polideportivo Municipal da Malata este sábado, día 19 de outubro. A edil estivo acompañada pola presidenta da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas e vicepresidenta da Federación Española de Karate, Carmen Barro.
Este evento deportivo será disputado nas categorías cadete, júnior e sub-21; e nas modalidades de Kumite e Kata individual masculino e feminino. Martínez Galdós explicou que un total de 122 deportistas pertencentes a 23 clubs de ámbito autonómico -68 competidores masculinos e 54 femininas-. Por categorías, a que rexistra maior número de participantes é a de cadete (14 e 15 anos), con 83; a continuación está a de júnior (16 e 17 anos) con 54; e a de sub-21, con 61 competidores. De Ferrol e comarca participan neste campionato galego 8 equipos que aportan un total de 34 deportistas.
Pola súa banda, Carmen Barro agradeceu ao Concello de Ferrol o seu apoio ao karate local e galego. Así mesmo, esta responsable federativa sinalou que os medallistas neste Campionato Galego de Karate asistirán a unha preselección que se realizará o vindeiro día 2 de novembro en Santiago de Compostela, e da que sairá a selección que participará na fase previa Campionato de España a celebrar os próximos días 23 e 24 de novembro en Cáceres entre as autonomías de Galicia, Navarra, Extremadura, Rioxa e Murcia. A fase final do Campionato Nacional, no que participarán os dous primeiros clasificados de cada categoría se realizará os días 14 e 15 de decembro en Gandía.











