O ‘Outono Gastronómico’ contará coa participación de casas rurais de Cangas, Redondela, Gondomar e Baiona

Bravo Bosh na presentación
Xa deu comezo a 7ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural, iniciativa promovida por Turismo de Galicia, e que agrupa un total de 117 casas de turismo rural de toda Galicia co obxectivo de dinamizar o turismo no eido rural, promocionar a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de toda a Comunidade.
Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou a iniciativa acompañada da xefa da área provincial de Turismo, María Ángeles Herrero, encargada tamén da oficina de turismo de Vigo, onde todas as persoas interesadas neste programa poden informarse desta nova iniciativa de turismo rural.
Bravo Bosch sinalou así que, nesta edición, na área territorial de Vigo están inscritas un total de cinco casas de turismo rural dos concellos de Cangas, Redondela, Gondomar e Baiona. Concretamente, trátase dos establecementos As Chivas e Torres de Agrelo (Redondela); La Garita (Cangas); Pazo da Escola (Gondomar) e Casa San Lourenzo (Baiona). En total, na provincia o programa agrupa a un total de 31 casas de turismo rural.
A delegada territorial explicou que o programa comezou no mes de setembro e finalizará o vindeiro 15 de decembro, época na que as persoas interesadas poderán beneficiarse das posibilidades e vantaxes do programa. “O turismo rural galego é líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística, o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”, comentou Bravo Bosch, quen engadiu que en Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade.
Novidade do Bono Agasallo
Ao mesmo tempo, a delegada da Xunta resaltou que este ano, o Outono Gastronómico ofrece por primeira vez a posibilidade de regalar unha experiencia gastronómica e rural en Galicia a través do Bono Agasallo Outono Gastronómico. A través desta iniciativa, os usuarios teñen a posibilidade de celebrar un acontecemento ou ocasión regalando aos seus amigos ou familiares un bono para gozar dun Paquete do Outono Gastronómico.
Deste xeito, o convidado terá a posibilidade de escoller calquera das casas de turismo rural da guía editada con motivo desta promoción e decidir a estadía que prefira dentro dos tres meses de duración da campaña. Deste xeito, a persoa que regala o bono pode activalo chamando ao teléfono de Turismo de Galicia ou a través do correo cir.turgalicia@xunta.es para poder regalar esta experiencia.
Diferentes opcións a elixir co mesmo prezo desde 2011
Na edición 2013, ata o 15 de decembro, as casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:
– Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.
– Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
– A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres e sábado- por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.
Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.
Bravo Bosch incidiu así no feito de que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantéñense nesta edición igual que nas dúas anteriores.
Promoción por todo o territorio
Para promocionar esta iniciativa elaboráronse 10.000 guías informativas (en galego e castelán) que están a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, nas oficinas de Turismo e nos campos de golf. Distribuíronse tamén máis de 500 carteis para a divulgación do programa. De igual modo promocionarase en medios online e offline, así como a través das redes sociais. Realizaranse sorteos a través da radio e tamén en publicacións especializadas, así como en distintos eventos. Tamén a través do Facebook de Turismo de Galicia realizarase un concurso para sortear 15 Paquetes de Outono Gastronómico para dúas persoas.
Na web de Turismo de Galicia haberá un apartado específico de información e descargas sobre o programa. Nel, os usuarios poderán atopar información dos establecementos.











