O órgano provincial recoñece a labor da campioa dos Xogos Mundiais de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Deportes, Mariel Padín, recibiu esta mañá no salón de plenos da institución provincial a Meri Suárez Agrasar, campioa do mundo de taekwondo na clase Master de menos de 57 quilos nos pasados Xogos Mundiais celebrados na cidade italiana de Turín. 

Durante a recepción, Mariel Padín cualificou de “privilexio” poder apoiar os grandes deportistas da provincia e felicitou a Meri Suárez polo seu logro e polo “impagable traballo” que leva a cabo cos máis pequenos como presidenta do Club Dobok de Taekwondo.

Acompañada pola súa filla Sara García, actual campioa galega de taekwondo na categoría junior e campioa de España por equipos e que realiza a súa formación no Centro de Tecnificación de Galicia en Pontevedra, Suárez mostrouse “moi agradecida” polo apoio mostrado pola Deputación da Coruña cara a unha disciplina que, segundo explicou, non ten “tantas axudas como outras”.

Por último, a vicepresidenta destacou a importancia da práctica do deporte, neste caso o taekwondo, como vehículo para fomentar valores “tan fundamentais para a sociedade como o espírito de sacrificio, o esforzo ou o compañeirismo”.

4 de outubro de 2013 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.