O obradoiro “Euro con control”, dentro do programa “Ferrol en familia”, chega á segunda edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo balance dos diferentes talleres que se atopan en funcionamento ao abeiro do programa de reforzo Ferrol en Familia enmarcado no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela. Este proxecto, integrado por diferentes programas, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos menores e familias, especialmente de aqueles que se atopan en situación de dificultade social.

Un total de 15 usuarios das Unidades Básicas de Traballadores Sociais da Administración municipal (UBTS), dos que oito están cobrando o RISGA na actualidade e outra está en tramitación para cobralo, finalizarán mañá o taller de economía doméstica “Euro con control”. Este obradoiro acadou obxectivos como a adquisición de coñecementos básicos de economía doméstica; a mellora da situación económica persoal mediante o control de gastos, aforros e realización dun presuposto; o aprendizaxe para dar prioridade a necesidades básicas, ou de técnicas e estratexias de aforro doméstico. A concelleira de Benestar Social avanzou que será programada unha segunda edición do taller de economía doméstica, atendendo ao éxito e a demanda de usuarios para este curso. Esta segunda edición do obradoiro “Euro con control”, en que participarán outras quince persoas, todas elas beneficiarias do RISGA,  terá lugar os mércores 20 e 27 de novembro e 4 e 11 de decembro, en horario de 10:30 a 12:00 horas na Casa Solidaria.

Outro dos programas integrados en Ferrol en Familia que está en marcha é o de “Apoio Socio – Educativo aos nosos menores”. Este obradoiro, impartido no local da Asociación de Veciños de Caranza, ten lugar todos os martes en horario de 17:00 a 19:00 horas e finalizará o 17 de decembro. Na actualidade, son cinco os menores beneficiarios deste programa que pretende apoiar aos menores no cumprimento das súas tarefas escolares, facilitar un lugar propicio para a realización das mesmas ou previr, paliar e reducir situación de crise en familias con necesidades ou dificultades, posibilitando así o desenvolvemento integral. Así mesmo, a data de hoxe estase a realizar o seguimento domiciliario de seis familias, a través do traballo cos menores e nas relacións entre os pais e os fillos.

Martínez Beceiro sinalou que o pasado luns, día 28, mantivo unha reunión cos traballadores de ASPANEPS para colaborar co Concello de Ferrol a través do programa de reforzo Ferrol en Familia. Así, en dita xuntanza acordouse que a entidade derivará usuarios que poderán ser beneficiarios da escola de pais e nais e do programa de apoio socioeducativo, mentres que a Administración ferrolá derivará usuarios do proxecto de reforzo para que poidan participar nos diferentes talleres que están en marcha en ASPANEPS.

Próximos talleres

A edil tamén explicou que o vindeiro xoves, día 7 de novembro, dará comezo a “escola de pais e nais” e que se prolongará ata o 12 de decembro. Este curso estará integrado por seis sesións -dunha hora e media cada unha-, e terá lugar todos os xoves en horario de 10:30 a 12:00 no salón de actos da Casa Solidaria. Un total de 15 usuarios, dos cales o 90% son perceptores do RISGA, traballarán a importancia da educación e comunicación positiva na familia, a relevancia da escoita activa e a asertividade na educación, entre outros temas.

Así mesmo, os talleres de habilidades sociais “Desenvolvemento das habilidades sociais básicas” se realizarán os venres 15 e 22 de novembro en horario de 10:30 a 12:00 horas, na Casa Solidaria. Nesta iniciativa, que responde á detección dun alto porcentaxe de usuarios das UBTS que carecen de habilidades sociais básicas, serán partícipes 12 usuarios, dos que 10 son beneficiarios do RISGA. Os obxectivos principais a alcanzar en dito taller son: adquirir e utilizar habilidades sociais básicas na vida diaria, asertivas, de conversación e adquirir un bo autocoñecemento.

30 de outubro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.