publicidade hoxe

O obradoiro de emprego Ares-Fene comeza coa formación de 22 persoas en pesca e albanelaría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresFene
A-
A+

O alcalde de Ares,  Julio Iglesias, e o de Fene, Gumersindo Galego, presentaron esta mañá o obradoiro de emprego Ares-Fene que comezará o xoves, día 31, e se desenvolverá ata o 30 de abril. Como explicaron, durante os vindeiros seis meses, un total de 22 alumnos e alumnas recibirán unha formación remunerada que, ademais de axudar economicamente durante este período, ten como obxectivo facilitar o acceso destas persoas ao mundo laboral.

Dos 22, un total de 13 cursarán a especialidade de albanelaría, que se impartirá no centro de formación de Magalofes, en Fene, mentres que os 9 restantes recibirán a formación de pesca no local anexo ao actual centro de maiores de Ares. Este alumnado, que neste caso son persoas de 18 en adiante, será formado por un equipo docente integrado por catro persoas, isto é, un director, un profesor de albanelaría, outro de pesca, outro docente de formación empresarial e, por último, un da ESO (como en edicións anteriores, tamén se facilita co obradoiro a preparación ao título de ESO para aquelas persoas que non o teñan).

No caso de Ares, o alumnado realizará dous cursos. O primero, o de Pescador de litoral, cuxas prácticas, ademais, serán realizadas a bordo do barco rehabilitado e recuperado recentemente polo Concello “Aula de Mar a flote”, mentres que o segundo é o de Actividades auxiliares e apoio ao buque en porto.

Este obradoiro de emprego solicitado de forma conxunta polos Concellos de Ares e Fene suporá un investimento para a Consellería de Traballo de 195.435,24 euros.

29 de outubro de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.