O obradoiro “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego” comeza a súa andaina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaArteixo
A-
A+

O obradoiro de emprego denominado A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego que promoven ambos municipios coa colaboración económica e organizativa da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, xa está en marcha desde esta mañá.

Ás 7.30 horas de hoxe os 24 alumnos-traballadores e as seis persoas que conforman a dirección, profesorado e equipo de apoio presentáronse no novo edificio administrativo da Laracha, onde se están a impartir a parte teórica do programa.

Este obradoiro de emprego está estruturado en dous módulos diferentes, ambos compostos por 12 alumnos-traballadores. Trátase das accións dirixidas á formación, por unha parte, en materia de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e, por outro lado, á montaxe e mantemento de instalacións térmicas solares. Son dúas especialidades en auxe nas que esta cualificación oficial pode facilitar o acceso ao mercado laboral.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Rocío López, edil responsable da área de emprego, reuníronse esta mañá cos alumnos-traballadores, equipo directivo e persoal docente do obradoiro de emprego co obxectivo, como afirmou o rexedor municipal, de animalos a “aproveitar esta excelente posibilidade que se vos presenta para ampliar o currículum e mellorar a vosa empregabilidade”. López Varela destacou que este sexa “o quinto obradoiro de emprego que se organiza na Laracha”, o que demostra “a nosa implicación coa formación das persoas demandantes dun posto de traballo e a creación e de emprego”.

Asemade, o alcalde da Laracha agradeceu á Consellería de Traballo e Benestar o financiamento para poder levar a cabo este programa e a labor do Concello de Arteixo, co que a colaboración foi “sinxela e eficaz”, tanto co grupo de goberno como co persoal técnico. 

O obradoiro A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego terá unha duración total de seis meses. O seu horario será, de luns a venres, de 7.30 a 15.30 horas. Unha vez rematada a formación teórica, que se impartirá integramente no Concello da Laracha, levarase a cabo a parte práctica. Para o caso da atención sociosanitaria a dependentes será en institucións públicas de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar. Os alumnos-traballadores do módulo de montaxe de instalacións térmicas aprenderán a labor de taller e tamén a colocación das estruturas.

31 de outubro de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.