O Multiúsos do Sar acolle unha xornada de lecer saudable, deporte e solidariedade na II Festa da Familia
O venres 1 de novembro, coincidindo co partido da novena xornada da Liga Nacional de Fútbol Sala que enfrontará ao Santiago Futsal co Jaén Paraíso Interior, vivirase no Multiúsos Fontes do Sar a II Festa da Familia, organizada polo club compostelán en colaboración coa Concellería de Familia e Benestar Social. Será tamén unha xornada solidaria, na que se recollerán doazóns para a campaña Xuntos Podemos. A concelleira de Benestar Social, María Castelao, e o presidente do Santiago Futsal, Ramón García, presentaron esta xornada, na que os afeccionados poderán asistir ao fútbol sala e, á vez, vivir unha xornada de lecer familiar. O partido comezará ás 18:00 horas, pero as portas do Multiúsos estarán abertas dende 16:30 horas para que os máis pequenos poidan gozar con inchables, talleres de maquillaxe, sorteos e moitas sorpresas. Ademais, con motivo da festividade do Samaín, todos os afeccionados que acudan disfrazados, recibirán caramelos e lambetadas cortesía de Pecados de Compostela.
Para completar a festa, continuarán no descanso os sorteos patrocinados por Star Center e Hotel Puerta del Camino, nos que poderán participar todos os afeccionados disfrazados.
O obxectivo desta colaboración entre Concello e o Santiago Futsal é fomentar o ocio saudable e o deporte entre as familias de Santiago e comarca. Agárdase repetir o éxito da primeira edición desta festa, na que participaran case 3.000 afeccionados.
A concelleira e o presidente do Santiago Futsal amosáronse tamén confiados na resposta solidaria dos composteláns. Farase pública unha lista de produtos de especial demanda (cueiros, berces…) que serán recollidos no Multiúsos de Sar e logo distribuídos entre as familias máis necesitadas de Santiago, dentro da campaña Xuntos Podemos.











