O módulo mediano da Casa Común dos Tilos abrirase pola mañá dende novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A Concellaría de Cultura de Teo, dirixida por Carme Hermida, acordou que o módulo mediano da Casa Común dos Tilos estará aberto polas mañás, de 09:00 a 14:00 horas os días laborables dende o 4 de novembro. O máis destacable desta idea é que o local non estará atendido por persoal polo que se confía na responsabilidade das persoas que acudan a el. Trátase de autoxestionar un espazo público que doutro xeito sería imposible ter aberto en horario matinal.

Segundo indican dende Cultura durante as mañás as persoas que así o desexen poderán acudir á Casa Común a ler a prensa, estudar ou mesmo ler un libro. Dende o Concello confíase en que esta experiencia resulte proveitosa para a veciñanza dos Tilos, que de seguro coidarán o mobiliario e o contido do local durante a súa estancia nel.

A Casa Común dos Tilos está ubicada na parte baixa do parque dos Tilos, detrás da piscina municipal e do centro de saúde, concretamente na rúa Buxo número 4. Consta de tres espazos polivalentes de diferente tamaño sendo o máis grande unha biblioteca que funciona en horario de tarde. No módulo mediano, o que vai estar aberto dende a semana próxima, poderase ler a prensa diaria ademais de consultar libros que incluso se poderán levar en préstamo despois de cubrir unha ficha. 

No aviso publicado polo Concello indícase que para calquera incidencia hia que dar aviso no teléfono municipal 981 815 700.

30 de outubro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.