O Mercado local xusto de San Sadurniño rexistra 130 preinscritos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello bota contas para acomodar a todos os expositores que se preinscribiron para o Mercado local xusto deste domingo. Agardábase superar os 85 participantes da anterior edición, pero nin as previsións máis optimistas esperaban que se chegase ás 130 solicitudes. Un número que obriga ao departamento de Cultura e Participación veciñal a redeseñar a distribución do espazo para darlle cabida ao maior número de postos posible. Se o tempo acompaña todo apunta a que o mercado volverá ser un éxito.

A do domingo será unha feira con todas as da lei na que participarán pequenos produtores e comercializadores de todo tipo de artigos: alimentos transformados, plantas e produtos da terra, artesanía, antigüidades, etc. O obxectivo principal é potenciar o comercio de proximidade na liña de recuperar tanto o espírito como o dinamismo económico que xeraban no territorio este tipo de encontros.

A través do mercado tamén se pretende darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo -especialmente os de temporada- promovendo a venda directa para que a maior parte do valor engadido quede nos produtores locais en vez de marchar ao comercio das grandes áreas. Así, no mercado poderanse atopar os seguintes artigos:

-Excedentes agrarios e produtos de temporada achegados por persoas non profesionais e locais
-Produtos agrarios ou elaborados (queixos, embutidos, horta, froita, etc.…), ofertados por profesionais· 
-Produtos ecolóxicos e de comercio xusto
-Artesanía, tanto profesional como non profesional
-Mercado do troco e da segunda man, para persoas non profesionais

A cita organizada pola área de Participación veciñal e Turismo desenvolverase na praza do Concello e tamén no adro do convento do Rosario. Na praza situaranse os postos de artesanía, no adro do convento os relacionados coa alimentación, na parte traseira do edificio disporanse os viveiros e comercializadores de planta e, por último, na zona do aparcadoiro irán situados os expositores de obxectos antigos e de segunda man. 

A Concellaría de Cultura e Participación veciñal -impulsora do evento- traballa nestes últimos días para buscarlles acomodo aos 130 expositores que fixeron a preinscrición. Tentan que ninguén teña que quedar fóra pola limitación do espazo, aínda que a admisión se fará por orde de inscrición ata completar o aforo. A solución máis acaída que se propón é abrir unha terceira liña de postos no centro da praza do Concello. Unha medida que, seguramente, obrigue a redistribuír as áreas de comercio ata onde dea o sitio e garantindo sempre a comodidade tanto para os vendedores como para a clientela así como a seguridade.

A relación de expositores admitidos publicarase o venres.

23 de outubro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.