o mercado das flores desenvolverase durante catro xornadas para facilitar as compras do día de defuntos
A Concellería de Mercados e as floristas que venden habitualmente na Praza de Abastos volven a colaborar un ano máis para organizar a quinta edición do Mercado das Flores previo á conmemoración do Día de Defuntos. O mercado desenvolverase do 29 de outubro ao 1 de novembro baixo unha gran carpa que se instalará nas inmediacións do edificio de abastos co obxectivo de facilitar as compras da numerosas clientela que existe durante estas datas.
A práctica totalidade das vendedoras de flores que operan na Praza de Abastos, tanto as floristas propiamente ditas como as productoras de colleita propia, participarán no Mercado das Flores que se instalará nas inmediacións do edificio da sala de Abastos, na zona peonil anexa á Rúa Vista Alegre. A carpa ten unhas dimensións de 35 por 20 metros e o seu aluguer corre por conta das vendedoras. A colaboración do Concello chega a través da Concellería de Mercados, dirixida por Rocío Llovo, que aporta loxística en temas de decoración e iluminación.
As propias vendedoras organizáronse para aglutinar a súa actividade en seis tramos ou postos. Nuns ofertaranse as flores de colleita propia que venden as campesiñas habituais da Praza vilagarciá e noutros as das floristas. Deste xeito trátase de crear un ambiente máis acolledor, amparar dos elementos climatolóxicos a vendedores e clientes e ofrecer unha imaxe máis organizada e profesional do sector nunhas datas nas que se rexistran as maiores ventas do ano.
O mercadiño funcionará o martes, mércores e xoves en horario ininterrompido de 8 da mañá á 8 da tarde e o día 1 de novembro, de 10 a 13 horas.











