O Mecalia Atl. Guardés reencóntrase na segunda metade

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ▼
A-
A+
Un instante do encontro. Foto: Ignacio Saa

Un instante do encontro. Foto: Ignacio Saa

Gran vitoria do Guardés que tivo que esperar ata o minuto 10 da segunda metade para recuperar sensacións e dominar o partido ao seu antollo.

Empezaron moi ben as guardesas que lograban nos primeiros minutos abrir brecha no marcador, pero a reacción das locais non tardou en facerse notar e aos seus acertos, unidos aos nosos fallos deron a volta ao marcador, chegando a poñerse as leonesas 3 arriba.

Sen perder a cara ao partido, o Mecalia foi axustando a súa defensa e afinando puntaría, paso a paso, logrou ir apertando e chegar ao descanso cun 13-13 que prognosticaba unha segunda metade moi disputada.

Durante os primeiros minutos da reanudación, alternábase a superioridade no marcador, pero sen un claro dominador. Foi a partir do minuto 40 de partido cando as guardesas empezaron a abrir brecha e recuperando sensacións que xa criamos esquecidas, o equipo empezouse a gustar. O xogo rápido, os roubos de balón, os contragolpes, provocaron constantes erros de vulto das locais que viron como o partido se lles escorría entre as mans.

Os últimos dez minutos foron para o desfrute, de equipo e da numerosa afección que o acompañou. Manexaron o encontro ao seu antollo, e xogadoras ineditas esta tempada tamén tiveron os seus minutos de gloria.

Importante e merecida vitoria do Guardés e o que é máis importante, recupera a senda do equipo gañador da pasada tempada.

As nosas xogadoras deixáronse literalmente a pel na pista do estupendo Pazo dos Deportes de León, que rexistrou unha boa entrada (unhas 300 persoas) para o que é habitual, de todos os xeitos uns 100 eran guardeses.

Agora toca unha semanita de descanso por mor de partidos da Selección e o próximo día 2, partido en Elche contra un dos candidatos ao título.

Confiamos no noso Mecalia, e esperamos traernos algo positivo de terras ilicitanas.

FICHA DO PARTIDO

Polo Cleba: Cristina Gonzalez, Tatiana Lozano, Celia Rojo (1), Itziar Ubillos (4), Mariña Gonzalez, Raquel Caño (7), Marta Mendez (3), Daria Ilina (7), Mª Gracia de Garnica, Ibon Alvarez (1), Laura Gutierrez, Sonia Rodriguez (2), Clara Garcia, Maria Prieto.

Polo Mecalia: Ana Cerqueira (2), Vanesa Amorós, Barbara Cequeira (1), Ronsel Doiro (7), Carla Ababd (2), Cristina Barrios (3), Cristina Maestro, Andrea Dapena, Alba Dapena, Irene Sanchez, Amit Izak (2), Catarina Corte (3), Laura Morais (1).

Marcador cada 5 minutos: 0/2, 4/5, 8/6, 11/9, 13/10, 13/13 Descanso 15/15, 17/19, 18/20, 20/25, 22/28, 25/31

Árbitros: Gonzaloz Miranda e Fernando San Pedro.

Excluíron: a Daria Ilina (2), Ibon Alvarez polo Cleba e a Ana Cerqueira (2), Barbara Cerqueira, Alba Dapena polo Mecalia.

20 de outubro de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.