O Mago Antón reaparece en Carral
Despois de 12 anos sen facer espectáculos, agás algunha actuación aillada, volve aos escenarios o Mago Antón. En Carral presentará o sábado 26 de outubro o seu espectáculo Onde está o Mago Antón, con varias actuacións que realizará no Magomóbil que se instalará xunto ao Centro de Saúde, no contorno das actividades da Xuntanza de Palilleiras de Carral.
O Mago Antón ofrece neste espectáculo algúns dos seus primeiros xogos, que lle concederon unha fama no panorama da maxia española, e outros novos números que sorprenderán ao público. No novo espectáculo tamén participa o boneco Facundo, que se converte nun fiel cómplice do espectador.
Haberá sesións destinadas ás participantes na Xuntanza de Palilleiras, e outras abertas ao público en xeral, con sesións ás 18:00, 19:00 e 20:00 h. Será necesario reservar entrada para cada sesión, e poderanse coller de balde na Casa da Cultura.
Este espectáculo forma parte do circuíto Cultura no Camiño que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración cos concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.











