O Jofre de Ferrol acollerá a obra teatral familiar “Contos enfiados”
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, presentou esta mañá a obra de teatro “Contos enfiados” que se celebrará o sábado da vindeira semana, día 9 de novembro, ás 19:00 horas no Teatro Jofre. A edil estivo acompañada polo vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Ramón Sestayo; e o guionista e actor da obra, Fernando Juan.
Esta obra teatral, dirixida a toda a familia, trata sobre varias historias populares de contos que están relacionados coa vestimenta dos personaxes: Carapuchiña Vermella, O gato con botas, O sastre valiente, e Cincenta. A entrada para “Contos enfiados” será gratuíta, polo que os interesados en asistir poderán recoller dende hoxe a súa entrada no despacho do teatro municipal.O proxecto está organizado por persoas usuarias da oficina coruñesa de COGAMI e por persoal do almacén da empresa INDITEX e conta coa colaboración do Concello de Ferrol. Martínez Beceiro agradeceu “que pensarades na nosa cidade para clausurar esta obra” e lembrou a estreita relación que o Concello mantén con COGAMI “froito dos convenios nominativos para o fomento do emprego ou os proxectos conxuntos para a igualdade entre homes e mulleres”. Así, a edil sinalou a importancia de que dentro dun mesmo escenario “exista a diversidade coas mesmas oportunidades”.
Pola súa banda, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol “nesta aposta pola integración das persoas con discapacidade”. “Contos enfiados” xa percorreu cidades como Arteixo, As Pontes, Ponteareas, Ourense, Vimianzo, Lugo e pon o broche final en Ferrol. Así, Ramón Sestayo manifestou que o proxecto “é innovador, participativo e, sobre todo, que amosa a diversidade que existe na sociedade”











