O incremento de caudal e a forte corrente erosiona a beira do río da Coca e deixa no aire parte da pasarela do paseo
O incremento de caudal que sufriu nos últimos días o río Con debido ás intensas precipitacións provocou unha forte erosión das súas beiras, especialmente na zona da Coca. O arrastre de area por parte das fortes correntes deixaron sen suxeición varios dos piares da pasarela de madeira do paseo fluvial, que quedou no aire nun dos seus tramos máis próximos ao leito. Operarios de Medio Ambiente valaron esta mañá a zona afectada para advertir aos peóns que non poden circular por ese tramo.
As intensas e continuadas choivas da semana pasada provocaron o abrandamento da terra e a forte corrente que levaba o río co caudal crecido arrastrou moita area e vexetación nas que se fixaba a cimentación das bases da pasarela nas zonas máis próximas ao río. Nestes puntos a pasarela quedou no aire, polo que por motivos de seguridade, o concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa, ordenou o peche do tramo ata que se poidan efectuar a reparación.











