O IES Agra de Leborís acolle a exposición “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero”
O IES Agra de Leborís da Laracha acollerá ata o vindeiro día 6 de novembro a exposición itinerante denominada “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero”, unha actividade promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A mostra consiste na exposición de ilustracións de diversos artistas cuxa temática é a prevención da violencia de xénero e a mocidade, pretendendo concienciar á xuventude sobre a igualdade de sexos e provocar o rexeitamento cara os comportamentos violentos nas parellas. A actividade complementarase cun obradoiro práctico e explicativo que se impartirá aos sesenta rapaces que cursan estudos de 4º de ESO neste centro de ensino.
A exposición “Cartas de amor: 14 artistas contra a violencia de xénero” no IES Agra de Leborís inclúese no marco do programa de actividades que o Concello da Laracha desenvolve en torno á conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra o día 25 de novembro.
Neste sentido, e entre outras accións que se anunciarán en próximas datas, o Concello da Laracha –tamén coa colaboración da Xunta de Galicia- desenvolverá obradoiros de promoción da igualdade nos colexios da Laracha, Paiosaco e Caión nos que participará o alumnado de 4º e 5º de primaria (nenos de 9 e 10 anos de idade) e no IES Agra de Leborís, neste caso dirixido aos estudantes de 1º e 2º de ESO.











