O humor fresco de Sara Escudero abre a oferta cultural en Vilagarcía para a fin de semana
Despois do cheo absoluto e do bo sabor de boca que deixo Carlos Blanco a fin de semana pasada coa súa actuación, este venres chega o segundo Espectáculo do Festival do Humor que neste caso terá como protagonista a unha muller. Sara Escudero, á que nos círculos humorísticos se lle atribúe ser a herdeira de Eva Hache, subirase ao escenario do Auditorio para facer pasar ao público hora e media de diversión.
Pese á súa xuventude, Sara Escudero conta xa cun máis que notable currículo posto que xa leva cinco anos colaborando na Pramount Comedy, é unha habitual colaboradora de Cosmopolitan TV e ten realizado numerosos espectáculos por toda España. O espectáculo do venres é especialmente emotivo para esta xoven nacida en Ávila, xa que foi precisamente nun local de Vilagarcía onde fixo a súa primeira actuación en solitario hai uns anos. Sara fai un humor feminino, cun directo con moita forza e frescura que conecta co público.
A actuación do venres, 11 de outubro, comezará ás 21:00 horas e as entradas pódense adquirir anticipadamente a través da web www.servinova.com ou chamando ao teléfono 902504500: Tamén o mesmo día da actuación na billeteira do Auditorio de 19 a 21 horas. O prezo é de 7 euros.











