O goberno vilagarcián recibe aos representantes de zona aberta para traballar en conxunto co colectivo de praceiros
O alcalde, Tomás Fole, a a concelleira responsable de Mercados, Rocío Llovo, recibiron esta mañá a unha representación da asociación de comerciantes Zona Aberta que viñan a expoñer a súa opinión en contra da apertura da Praza de Abastos e a celebración do mercado o vindeiro sábado, 12 de outubro, festividade do Pilar. Os edís do goberno explicáronlles que a solicitude realizada pola Asociación de praceiros cumpre coa lexislación vixente polo que o Concello ten que autorizala. O goberno fixo un chamamento ao diálogo entre os dous colectivos de comerciantes para acadar a unión que precisa o sector para aproveitar sinerxias e avanzar da man.
Foron varios os comerciantes de Zona Aberta que acompañaron a súa presidenta, Rocío Louzán, á reunión mantida esta mañá co goberno local. Aínda que o encontro non se atopaba en axenda porque non fora solicitado previamente, tanto o rexedor como a concelleira de Mercados aceptaron recibir ao colectivo.
Louzán expuxo a opinión dos seus asociados contra a apertura da Praza de Abastos e da celebración do mercado o día do Pilar, alegando que eles decidiran non abrir ese festivo para aproveitar unha xornada de descanso. O goberno local dixo entender e respectar a postura de Zona Aberta, pero do mesmo xeito entende e respecta a solicitude realizada polos praceiros. A súa petición atense á lei en vigor respecto á elección de días festivos nos que pode abrir o comercio e, polo tanto, o Concello non pode desestimala. Ao non ter ningún tipo de argumento legal en contra, de facelo estaríase prevaricando, explicaron os edís do goberno.
Expostos estes termos, tanto o alcalde como a concelleira lembraron que tanto dereito ten Zona Aberta a decidir non abrir o 12 de outubro, como teñen os praceiros a facelo. En todo caso, os gobernantes insistiron en que son estas dúas partes as que deben dialogar e buscar un entendemento para solucionar este asunto ou evitar discrepancias en futuras ocasións. O rexedor e a concelleira consideran que os dous colectivos forman parte dun mesmo sector e que, a colaboración e o aproveitamento das sinerxias de cada un deles, resultaría moi beneficioso para todos.
O Concello insiste en que, de igual xeito que sempre se atenden as peticións de Zona Aberta e se colabora coa asociación en todo o que se pode, tamén o fan co colectivo de Praceiros, que ao igual que o pequeno comercio, é unha actividade importante para a economía local.











