O goberno municipal coruñés xa retirou 113 postes de telefonía e luz das beirarrúas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Goberno municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas, retirou, entre 2012 e o que vai de 2013, un total de 113 postes de madeira e formigón da vía pública que se colocaron en etapas anteriores para a demolición de edificios e a execución de instalacións provisionais. O Concello busca liberar espazos públicos para dar maior protagonismo e facilitar ao peón o seu tránsito por beirarrúas e zonas verdes.

O departamento municipal de Medio, Territorio e Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado empezou o ano pasado a retirada da vía pública dos postes que historicamente se permitían colocar as empresas de servizos. En total, elimináronse 113 postes por toda a cidade. Por exemplo, retiráronse 7 da avenida de Arteixo, 6 da rúa Adelaida Muro e 5 en Pedralonga.

Tras as eleccións municipais de 2011, a área de Infraestructuras comprobou que había un inventario de marzo de 2010 no que se recollía a existencia de 109 postes en diferentes puntos da cidade, pero que nunca se procedera á súa retirada. Para corrixir esta situación, o actual equipo de goberno desenvolveu un traballo de campo no que participaron os departamentos de Urbanismo, Infraestruturas e Seguridade e Mobilidade, a Asociación de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco) e as empresas de servizos.

Todas as entidades implicadas traballaron na actualización do inventario de postes, co compromiso do Concello de retirar aqueles que carezan de cableado e, por parte das compañías, de avaliar no resto de postes a posibilidade de retirar as liñas de luz e teléfono.

En total, contabilizáronse un total de 247 postes na cidade. Aos 113 elementos retirados, súmanse 31 postes que non teñen cableado e 32 que foron recentemente liberados por Fenosa, polo que a Concellaría de Infraestruturas continuará con este proxecto. O Concello da Coruña xa informou as empresas de servizos de que non é posible colocar novos postes na vía pública a través de licenzas de demolición. Esta práctica só poderase levar a cabo de xeito excepcional e cunha autorización municipal explícita.

27 de outubro de 2013 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.