O goberno ferrolán investirá na avenida 19 de Febreiro, a rúa Fernando Fernández Bastida e nas vivendas sindicais
O Concello de Ferrol avanza en tres importantes actuacións urbanísticas no barrio de Serantes e que responden a demandas veciñais que se remontan de anos atrás. Trátase da mellora da seguridade viaria coa construción de beirarrúas na Avenida 19 de Febreiro, o aglomerado da rúa Fernando Fernández Bastida e o remate da pavimentación dos viarios da vivendas sindicais. As dúas primeiras actuacións as financiará a Deputación Provincial da Coruña –no caso da mellora da rúa Fernando Fernández Bastida, a través do Plan de Obras e Servizos (POS)-.
O primeiro tenente de Alcaldía e concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; e os edís de Participación e Servizos e Medio Ambiente –Martina Aneiros Barros e Borja Carro Muñoz, respectivamente- informaron á xunta directiva de Serantes dos avances para a materialización destas intervencións. Estes tres responsables do Goberno Local de Ferrol visitaron esta mañá Serantes acompañados dos supervisores dos servizos municipais coa finalidade de repasar os traballos levados a cabo dentro do Plan de Barrios en canto a mantemento de viarios, parques e xardíns, limpeza, iluminación ou seguridade cidadán, entre outros servizos..
Así as cousas, Evia Pérez informou aos veciños sobre o desbloqueo do da construción de beirrarúas na Avenida 19 de Febreiro, unha actuación comprometida pola Administración provincial no ano 1995 e pola que os veciños tiveron que agardar até agora para a súa próxima materialización. O Goberno Municipal vén de aprobar o proxecto inicial de expropiación e antes de que remate o ano porá a disposición da Deputación da Coruña os terreos para que sexa esta a que licite e adxudique os traballos. Así mesmo, nestes momentos están en fase de contratación outros dous proxectos que responden a demandas históricas dos veciños de Serantes: o aglomerado da rúa Fernando Fernández Bastida, valorada en 76.942,70 euros e que se financiará con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación; e o proxecto básico e de execución dos viarios nas vivendas sindicais de Serantes, en que o Executivo local investirá aproximadamente 116.000 euros.
Plan de Barrios
Ademais, a portavoz do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, repasou as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en materia de roces, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, parques e xardíns, parques infantís, abastecemento de auga, e policía local. Estas actuacións que atenden as demandas feitas polos propios veciños/as na zona rural de Serantes ascenden a máis de 105.000 euros e as máis destacadas son as seguintes:
– Roce de taludes, limpeza de marxes e cunetas, roce e limpeza de terreos e poda e recollida en toda a zona. Ademais, durante o mes de novembro realizarase unha nova pasada.
– Roce e chapeo na estrada de Xoane, estrada Cobas, Avenida 19 de Febreiro, Camiño da Mariana, Baldomero Beceiro, Porta de Neira, Aneiros de Arriba, estrada Cemiterio, Lousas, Botana, Lavadoiro de Os Corrais.
– Roce e limpeza do leito e beira do río ao seu paso entre a Feira do Dous e a Avenida 19 de Febreiro.
– Un total de 1.123 metros lineais de sinalización viaria que atende liñas continuas e descontinuas, e pintado de 22 sinais horizontais. Ademais, da colocación de 10 sinais verticais, das cales 4 eran de stop.
– Limpeza de 62 columnas.
– Un total de 80.800 metros cadrados de mantemento de zonas verdes e diferentes traballos de arboricultura na Avenida 19 de Febreiro e nas vivendas sindicais.
– Revisión de funcionamento e estados dos xogos no parque infantil e biosaludable da Malata e no da asociación veciñal de Serantes.
– Mantemento correctivo e preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de auga.











