O goberno ferrolá adopta novas medidas para garantir o normal desenvolvemento de plenos públicos
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha reunión cos voceiros dos grupos municipais na que comunicou as medidas que se adoptarán para garantir o normal desenvolvemento dos plenos, e as cales responden ás consultas feitas ao respecto en regulamentos doutras cidades galegas e do Parlamento de Galicia.
Así, a partir do pleno ordinario deste mes de outubro –que se celebrará o día 31- o aforo do Salón de Plenos será de 70 persoas, seguindo neste sentido os consellos dos informes técnicos elaborados polo departamento de Urbanismo. Ademais, cada un dos 25 concelleiros que forman a Corporación Municipal disporá de dúas invitacións –un total de 50- que poderán repartir para a asistencia ás sesións. Resérvanse 10 postos para os medios de comunicación e outros tantos para o acceso libre do público en xeral, que se cubrirán por orde de chegada. Así mesmo, mantense a necesidade de identificarse para acceder ao Salón de Plenos.
O rexedor ferrolá sinalou que “non é razoable que o pleno, en que están representados os veciños da cidade, teña que suspenderse ou cancelarse como xa aconteceu en tres ocasións”. Ao respecto destas medidas, Rey Varela insistiu en que responden a regulamentos en vigor noutras cidades de Galicia e no Parlamento autonómico, engadindo que “como é a vontade de todos, o pleno seguirá sendo público e, ademais, garantimos que se poderá seguir aplicando o Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, que é un dos máis avanzados”. “Como alcalde teño a responsabilidade de que se celebren os plenos”, dixo Rey Varela, apuntando que “non se pode confundir a capacidade de protestar coa capacidade de boicoteo, limitando a lexitimidade da pluralidade política da cidade representada no Pleno da Corporación Municipal”.











