O goberno de Ortigueira contrata oito veciños desempregados para labores de mantemento forestal e obras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O goberno de Rafael Girón conseguiu o respaldo económico da Consellería de Traballo para reforzar o servizo de mantemento municipal coa contratación de oito traballadores temporais. A axuda concedida, por importe de algo máis de 23.200 euros, permitirá dispoñer durante un cuadrimestre de cuadrillas de albanelaría e forestal.

Esta mañá asinaron os seus contratos os veciños/ás que integrarán as dúas cuadrillas, para as que o departamento autonómico concedeu 11.604 euros e que está previsto que se ocupen de tarefas de acondicionamento de instalacións públicas e do mantemento dos espazos naturais de titularidade municipal

Así, tal e como figura no programa presentado pola casa do concello, os catro peóns forestais ocuparanse, durante o período de duración do contrato, da posta a punto das distintas rutas de sendeirismo existentes na localidade, así como o mantemento dos montes municipais. Pola súa banda, os integrantes da outra cuadrilla ocuparanse fundamentalmente de executar pequenos traballos de reparación e posta a punto de edificios municipais e espazos públicos.

A incorporación temporal destes traballadores/ás realízase no marco da colaboración da Consellería de Traballo e Benestar coas Corporacións Locais, para a contratación de persoas desempregadas para a realización de obras e servizos de interese xeral e social dentro do ámbito local, para a adquisición de práctica profesional e de mellora da ocupación laboral.

Obradoiro de emprego

A proposta laboral vén a sumarse a outras iniciativas de fomento do emprego que acaba de activar o concello. A principal, o obradoiro de emprego que arrancaba o pasado luns e que dará traballo durante seis meses a un total de 26 persoas dos municipios de Ortigueira e Mañón que, ata o momento, se encontraban no paro.

31 de outubro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.