O goberno coruñés inviste 365.000 euros na renovación da iluminación pública e de espazos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Goberno municipal investirá 365.000 euros en dous novos proxectos da Concellaría de Infraestruturas. O Concello da Coruña adxudicou as obras de renovación da rúa Emilia Pardo Bazán e da mellora da eficiencia da iluminación pública da praza Elíptica de Os Roseiras e dos parques da Torre, Carlos Casares e Bens.

O Concello adxudica os traballos de mellora da rúa Emilia Pardo Bazán por un importe final de 184.900 euros, o que supón unha rebaixa do 23,3% con respecto ao presuposto de licitación, fixado en 241.087,24 euros. En concreto, trátase dunha renovación integral tanto da calzada coma das beirarrúas, co obxectivo de ofrecer as mellores condicións de circulación dos peóns e os condutores. Os traballos consistirán en:

– Substitución do pavimento peonil. Para emendar as deficiencias existentes utilizarase baldosa granallada combinando gris claro con gris basalto.
– Substitución do pavimento rodado. Colocaranse lousas das mesmas características que as existentes.
– Rede de fecais. Proxéctase a reposición da actual rede de saneamento aumentando o diámetro, que pasará dos 200 milímetros actuais ata os 315.
– Rede de pluviais. Incorporarase unha nova rede de recollida tanto de augas de escorrentía superficiais como para canalizar as baixantes da recollida de augas pluviais dos edificios contiguos.

Con este conxunto de actuacións, o Goberno local busca a renovación urbana desta céntrica rúa para o uso e desfrute dos veciños. A obra forma parte do compromiso do Concello por manter as rúas e barrios da cidade nas mellores condicións e por modernizar os espazos públicos, finalidade á que destina no presuposto de 2013 máis de 11 millóns de euros.

ILUMINACIÓN PÚBLICA

O Concello tamén adxudica por 180.182,75 euros -un aforro do 19,2% con respecto ao presuposto de licitación- a substitución da iluminación pública da praza Elíptica Dos rosales e dos parques da Torre, Carlos Casares e Bens, o que tamén contribuirá a reducir a contaminación lumínica e a rebaixar a factura da luz.

A Concellaría de Infraestruturas continúa co seu plan de mellora da eficiencia enerxética nos espazos públicos da cidade. O departamento que dirixe Martín Fernández Prado destaca que, para mellorar a eficiencia enerxética e manter un nivel de servizo similar, se substituirán as luminarias existentes -a maioría de vapor de mercurio- por outras de tecnoloxía LED, coa excepción do aparcadoiro de Bens, onde se instalarán proxectores con lámpada de vapor de sodio de alta presión.

A previsión de Infraestructuras é respectar a situación dos puntos de luz, se ben no parque de Bens e nas zonas verdes e de xogos da praza Elíptica os puntos de luz actuais sobre báculos e columnas baixas se substituirán por columnas altas con proxectores. Todas estas melloras supoñerán un aforro enerxético aproximado de 16 quilovatios por hora.

PRAZA ELÍPTICA

Infraestructuras propón unha nova iluminación nesta praza central de Os Roseiras. Para as senllas, apóstase por 53 luminarias separadas unhas doutras 20 metros; mentres que para os espazos verdes e as zonas de xogos se instalarán 46 proxectores (8 columnas de 12 metros con ancoraxes para 6 proxectos a distinta altura). Con esta solución, redúcese o consumo enerxético, elimínanse as lámpadas de vapor de mercurio (altamente contaminantes) e colócanse equipos máis axeitados.

PARQUES DA TORRE E CARLOS CASARES

Na actualidade contan con 102 luminarias situadas sobre columnas de 4 metros. Non obstante, o forte vento que azouta este tramo da costa agudiza a deterioración da iluminación. Por este motivo, substitúense por luces máis eficientes, o que reduce o consumo, permite retirar as lámpadas de vapor de mercurio, dotar a instalación cun sistema que facilita regular a intensidade da luz e, ao mesmo tempo, se eliminan os problemas de roturas de luminarias.

APARCADOIRO DO PARQUE DE BENS

Debido á antigüidade e o estado das luces, o nivel de iluminación da zona é baixo. Son 56 luminarias decorativas sobre columnas de 3,5 metros e con lámpadas de vapor de mercurio. A Concellaría de Infraestruturas propón colocar proxectores sobre 4 columnas de 14 metros (tres proxectos por columna) na mediana central. Ademais, os equipos dispoñerán dun sistema que permite a súa telexestión e a posibilidade de regular a intensidade lumínica pola noite.

5 de outubro de 2013 | 14:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.