O goberno compostelán renova a súa colaboración económica con Itínera, Fundación Andrea e Centro Xoán XXIII

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, continúa a asinar convenios de colaboración con entidades sociais para financiar algunhas das actividades que realizan na cidade. Nesta ocasión, subscribiu acordos coas asociacións Itínera, Fundación Andrea e Centro Cultural e Social Xoán XXIII. O convenio con Itínera (Voluntarios en Saúde Mental), por importe de 2.000 euros, ten como obxectivo o financiamento do programa Ágora, de desenvolvemento socio-educativo e cultural. Esta iniciativa pretende contribuír a mellorar a integración social e laboral das persoas con Trastorno Mental Severo (TMS) a través da promoción do voluntariado neste ámbito.

No caso da Fundación Andrea, de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, a colaboración municipal plásmase no seu proxecto de psicoterapia, baseado no apoio psicolóxico permanente a nenos e nenas con enfermidades de longa duración e ás súas familias. A intervención inclúe terapias de grupo e individuais, así como reunións mixtas familiares. O convenio fixa unha achega de 3.000 euros.

Finalmente, asinouse outro convenio co Centro Cultural e Social Xoán XXIII, desta vez para o programa Xuntos Podemos, tamén por un importe de 3.000 euros. Esta iniciativa desenvólvese a través de dúas campañas: unha de hixiene (produtos de lavandería, de hixiene persoal, de vestiario básico e de reposición de rouba de abrigo de cama), e outra de adquisición de leite e complementos.

25 de outubro de 2013 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.