O Festival de Cine de Ourense contará cun xurado internacional que inclúe a actores da talla de Monti Castiñeiras e Goya Toledo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta o xurado que decidirá as películas gañadoras da súa decimoitava edición. Está composto por seis recoñecidos persoeiros do audiovisual galego, estatal e internacional. Estará composto  por dous actores, Monti Castiñeiras e Goya Toledo; dous directores, Belén Macías e Christian Klandt (gañador do premio Calpurnia á Mellor Longametraxe en 2008 por Weltstadt); e dous expertos de cinema (e tamén realizadores) como Ramón Costafreda ou o galego Manuel Curiel, director da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo.

Monti Castiñeiras |
(Santiago de Compostela, 1963) Actor galego cunha ampla traxectoria profesional que traballou en cinema, teatro, televisión e publicidade, tanto en Galicia como a nivel nacional. Aínda que estudou Filoloxía Inglesa e Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela, a súa debilidade pola interpretación levoulle a conseguir unha formación profesional neste campo. Posúe unha ampla experiencia como actor de dobraxe, sendo unha das voces máis recoñecidas pola profesión.

Manuel Curiel | (A Fonsagrada, 1948) Director das 35 edicións da Semana Internacional de Cinema de Autor de Lugo. Crítico e colaborador cinematográfico de diversos xornais e radios locais. Dirixiu e presentou o programa de cinema “Central Cinema” en Telelugo. Fundador e organizador de semanas de cinema en vilas e pobos da provincia. Cineasta afeccionado, realizou tres películas premiadas en varios festivais de cinema amateur. Tamén produciu un documental e unha curta en Arxentina.

Ramón Costafreda | Tras estudar na facultade de Ciencias da Información en Madrid, comezou a súa carreira de director publicitario, campo no que gando diversos premios (entre eles, 14 Pavos Reais), chegando a dar clases de realización publicitaria na Escola Oficial de Cinema de Madrid (ECAM) entre 2001 e 2008. Posteriormente pasou a dirixir tv-movies como “Más que hermanos”, “Abrígate” ou “Mà morta truca a la porta”. Os seus últimos traballos son dúas series documentais.

Belén Macías | (Tarragona) Licenciada en Ciencias da Información na Universidade Complutense e diplomada na Real Escola Superior de Arte Dramática (RESAD). Traballou como guionista para diferentes series e programas de televisión. Dirixiu teatro e publicidade, e posteriormente televisión. As súas curtas “El puzzle” e “Mala espina” recibiron máis de 70 premios. A súa primeira longametraxe, “El patio de mi cárcel”, estivo nomeado a 4 premios Goya. Actualmente está en pre-produción a súa segunda longametraxe “Marsella”

Christian Klandt | (Frankfurt/Oder, 1978) Tras crecer nun pobo en Alemaña Oriental, estudou Dirección na Escola de Cinema Konrad Wolf de Potsdam-Babelsberg. Antes diso, traballou como axudante de dirección, axudante de cámara e axudante de produción para varias producións de cinema e durante 3 anos como axudante de dirección nun teatro con sede en Berlín. As súas dúas películas proxectáronse no Festival de Cinema de Ourense: “Weltstadt” (Gran Premio Calpurnia á Mellor Longametraxe, 2008) e “Little Thirteen” (2012).

Goya Toledo | Unha das actrices máis valoradas dentro do panorama cinematográfico español. Formada no campo da interpretación con Cristina Rota, conseguiu significar a súa carreira cinematográfica á beira de grandes profesionais nacionais e internacionais como Alejandro González Iñárritu, Fernando Colomo, Emilio Martínez Lázaro ou Pedro Olea. Estivo nomeada aos Premios Goya polo seu traballo nas películas “Maktub” de Paco Arango e “Mararía” de Antonio José Betancor. Tamén participou en varias series de televisión.

29 de outubro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.