O executivo ourensá non modificará a taxa que abonan os praceiros do mercado municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense non poderá aplicar a modificación de taxas solicitada polos comerciantes da Praza de Abastos número 1, xa que un Informe de Intervención é desfavorable a dita modificación. O concelleiro de Economía e Facenda, José Ángel Vázquez Barquero, comunicoullo aos grupos municipais de PP, BNG e DO na Xunta de Área de Economía e Facenda celebrada esta mañá.

O Concello de Ourense acordara no Pleno celebrado o 20 de decembro de 2012 atender a alegación presentada polos comerciantes da Praza de Abastos número 1 na que solicitaban unha revisión da ordenanza que regula a taxa que abonan pola explotación dos seus postos de venda no mercado municipal. Dito acordo quedaba condicionado aos informes técnicos e xurídicos que deberían avaliar esta proposta de modificación, relativa á ordenanza fiscal número 22, reguladora da taxa pola prestación do servizo de lonxas, mercado e ferial.

Iniciado o proceso de elaboración das ordenanzas fiscais do Concello para o vindeiro ano 2014, o goberno municipal elaborou unha proposta de modificación de ordenanza que recollía as peticións dos comerciantes. Sometida esta proposta aos informes dos servizos municipais, a Intervención emitiu un informe desfavorable á proposta, no que advirte que “a modificación das tarifas proposta, incide así mesmo no contrato de xestión da Praza de Abastos nº 1, tal e como se reflicte no informe de Asesoría Xurídica, por mor de alterar o equilibrio económico concesional, sen que de xeito correlativo téñase tramitado un expediente de modificación contractual, no que entre outros extremos se poña de manifesto as razóns de interese público que a promoven”

Engade tamén a Intervención no seu informe que “de calquera xeito, a canle lóxica de actuación no procedemento a seguir sería á inversa, isto é, de ser preciso, modificar o contrato, e posteriormente, axustar as tarifas ós termos da modificación contractual acordada”.

Ante esta situación, e a á vista deste informe, o goberno municipal reiniciou a tramitación da ordenanza, mantendo os mesmos criterios da vixente na actualidade.

2 de outubro de 2013 | 15:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.