O espectáculo “As pombas de Carboeiro” chegará a Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

O centro social polivalente de Pedrouzos acollerá este domingo 27 de outubro, ás 17:00 horas, o espectáculo de teatro e música “As pombas de Carboeiro”, incluído dentro do programa de dinamización lingüística Fala Redes e que conta coa colaboración do Concello de Brión. Unha actuación para todas as idades e que contará coa colaboración da Banda de Música de Brión. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

“As pombas de Carboeiro” é un metarrelato no que un frade trata de convencer coa súa historia a un batallón do exército napoleónico para que os soldados non sacien a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro. A través do seu relato descubrirán a historia de amor protagonizada por Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán); amor que por razóns de sangue non lles será permitido, e que dará a orixe á estirpe de pombas que habitan en Carboeiro.

A dramaturxia e a música deste orixinal e fascinante espectáculo transcorrerán acompañados pola Banda de Música de Brión, que acompañará os actores Inacio Vilariño e Benxamín Otero interpretando as partituras deste último. A técnica de representación da historia, na que se mesturan a lingua, os contos, os cantos, as lendas e os romances, é a do kamishibai, unha arte xaponesa baseada en imaxes impresas en cartolina nunha xanela de madeira que leva unha bicicleta. A lingua narrada mesturarase coa teatralidade, coa maxia, cos monicreques e, por suposto, coa música en directo.

Esta actuación forma parte do programa de dinamización lingüística Fala Redes, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O seu obxectivo é crear espazos de uso, aprendizaxe e interacción en galego, ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás novas tecnoloxías da comunicación.

22 de outubro de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.