O derbi lucense sáldase cun empate entre Azkar e Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Unha das xogadas do encontro

Unha das xogadas do encontro

Impresionante derbi lucense o vivido esta noite no Municipal de Lugo. Azkar e Burela non defraudaron e o fútbol sala brillou nun choque intenso, cargado de emoción, con goles e sobre todo cun Azkar que parece saír reforzado tralo empate final (3-3) porque se viu a un equipo o pronista que transmitiu garra, loita e iso é o que lle faltaba ao equipo. Ao final o empate pareceu xusto para o visto sobre a cancha.

A primeira parte do Azkar foi de sobresaínte. Foi moito mellor ao seu rival, un Burela que está confecionado para loitar por estar arriba pero que aínda está por rodarse. O quinteto inicial do Azkar, totalmente da casa, xa transmitiu dende o primeiro minuto esa entrega, esa loita, e iso permitiulle ser mellor que o seu rival. Aos catro minutos, Chano nun dos primeiros balóns que tocaba, selaría unha xogada de calidade para bater a Edu e subir o 1-0. Ao Burela custáballe crear perigo sobre a meta de Óscar Iglesias, e é que a defensa lucense estaba moi seria e sen fisuras. A posesión disputábase, pero o Azkar sabía que era importante non deixar saír a relucir as individualidades dos mariñanos e conseguiuno en todo momento. Nalgunha contra os capitalinos puideron ampliar a vantaxe no luminoso, pero non conseguiron acertar no último pase. A ocasión máis clara dos laranxas no primeiro periodo foi un disparo ao longueiro de Iago Míguez ao minuto 17, mesmo minuto no que Chano só desde a frontal botouna fóra por pouco.

O inicio do segundo periodo foi igualado, aínda que parecía que o Burela Pescados Rubén estaba sendo un puntito superior ao Azkar. Así gozaba de maior posesión e iso permitiulle empatar o choque ao minuto 24 nunha xogada á contra (1-1), pero a alegría aos laranxas duroulles segundos, xa que no saque de centro Chano sorprendía a Edu e poñía de novo aos seus por diante (2-1). Pese ao leve dominio dos mariñanos, con ocasión de Cristian para empatar que se ía ao longueiro, o Azkar Lugo estaba ben plantado sobre a cancha, pero recibiu un golpe en forma de gol dos visitantes en xogada de estratexia de banda que finalizaba Matamoros (2-2). Un novo partido abríase, quedaban os últimos dez minutos e aí o choque igualouse por completo, calquera cousa puido ocorrer. Primeiro tívoa Jandri para facer o terceiro pero o seu disparo despexábao un defensa e logo chegou o gol de Antonio Diz que a pase do seu irmán Álex anotaría no segundo pau o 3-2. O partido estaba onde querían os azuis, e encima estaban por diante no marcador. No tramo decisivo, nos últimos catro minutos, xusto cando os laranxas se preparaban para sacar porteiro-xogador con Burrito xa vestido coa camiseta no banquiño, de novo Cristian daba alas aos seus tras combinar con Matamoros e bater a Óscar (3-3). De aí ao final o Azkar pareceu estar máis cerca do gol e nunha falta directa Iago Rodríguez estrelaba o esférico no corpo de Edu. Ata que se chegou ao último minuto, cando a tensión do derbi desatouse e tras unha tangana Óscar nos locais e Hugo nos visitantes eran expulsados con vermella directa. Os colexiados, ben durante o choque para a esixencia dun derbi, non fixeron máis sangue dunha disputa con empuxóns duns e outros. Pese a ese momento de tensión o derbi non defraudou, pero neses 60 segundos restantes cos dous equipos cun xogador menos en cancha, o resultado xa non sufriría máis variacións.

Ficha técnica:
Azkar Lugo 3: Óscar Iglesias, Diego Núñez, Jandri, Álex Diz e Antonio Diz, -cinco inicial-, Chano, Cuco, Aranburu, Iago Rodríguez e Mendiola.
Burela Pescados Rubén 3: Edu, Antoñito, Hugo, Burrito e Matamoros, -cinco inicial-, Mimi, Juanma, Iago Míguez e Cristian.
Árbitros: Gutiérrez Lumbreras e Lope Díaz (comité madrileño). Amonestaron con tarxeta amarela a Diego Núñez, Aranburu e Chano (Azkar) e a Mimi e Antoñito (Burela). Expulsaron por vermella directa a Óscar (Azkar) e Hugo (Burela).
Incidencias: 4ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 1600 espectadores.
Goles: 1-0 min. 4 Chano, 1-1 min. 24 Cristian, 2-1 min. 24 Cristian, 2-2 min. 27 Matamoros, 3-2 min. 35 Antonio Diz e 3-3 min. 37 Cristian.

5 de outubro de 2013 | 00:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.