O departamento social da Coruña destina 22.000 euros a impulsar programas de AFACO e ASPACE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa de que destinará 22.000 euros, a través de tres convenios de colaboración, a impulsar programas da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña (AFACO) e da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE).

O Goberno local apoiará á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer subvencionando dúas accións. Por unha parte, achegará 9.000 euros para contribuír á realización do programa de atención a familias que ofrece a entidade e, por outra, destina 4.000 euros para a instalación dunha varanda no centro de día de AFACO.

Ademais, o Concello subvencionará con 9.000 euros a actividade Hidroterapia na parálise cerebral que desenvolve a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral.

Con estes novos convenios o Goberno local segue apostando por dar apoio ás actividades e accións que as entidades da cidade realizan co fin de garantir o benestar social dos coruñeses.

5 de outubro de 2013 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.