O CXCA repartirase en catro áreas con 786 metros construídos que ocuparán 11 salas do Pazo de Liñares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

Máis de 780 metros construídos e 508 metros útiles ocupará o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico da Cultura Castrexa (CXCA) cuxo acondicionamento licitou a pasada semana a Deputación de Pontevedra con cargo aos orzamentos de DepoDeza, programa cofinaciado con fondos Europeos Feder e a Deputación de Pontevedra, e ao que se destina unha cantidade de 577.000 euros.

Neste prego de contratación recóllese o acondicionamento de dependencias na parte sur do edificio, tanto na primeira planta como na entreplanta, e da sala polivalente e dos antigos fornos. A licitación, que se publicará o vindeiro martes no BOP contempla o pechamento da construción auxiliar anexa, que inclúe os antigos fornos, para emprazar alí a área de intervención; así como a construción dunha cámara para o almacenamento de substancias químicas e a instalación dun sistema de ventilación e aireamento deste habitáculo no que se producirá po e no que se manexarán substancias químicas.

Esta primeira licitación do CXCA tamén permitirá acondicionar a zona de exposición cos seus estantes e dotar de equipamento a sala multimedia. Ademais, contempla a instalación do transformador de enerxía eléctrica que dará subministro ás máquinas de precisión que inclúe o centro e que necesitan dunha importante cantidade de enerxía e que ademais esta sexa estabilizada para evitar que se derramen os aparatos de medición.

Nunha próxima licitación, sairán a concurso tanto o mobiliario como o material de investigación e estudo necesario para a posta en funcionamento da instalación.

REPARTO DE ESPAZOS

Os 786 metros cadrados que ocupa o CXCA repártense en 4 áreas cun total de 11 estancias repartidas entre a zona sur da planta baixa, a entreplanta e o edificio anexo.

A área de investigación  ocupa un total de 5 estancias. Dous despachos na entreplanta para arqueólogos e investigadores que a través da pasarela metálica se comunica coa planta baixa onde se sitúa a recepción do CXCA para visitantes e para os materiais que vaian chegando ao centro. Ademais, nesta área de investigación contémplase unha sala de fotografía e debuxo de 23 metros cadrados e unha sala de investigación (comunicada coa zona de arriba por unas escaleiras e a pasarela).

A área de almacenaxe tamén se reparte en dúas salas. Un almacén de achados de 38 metros cadrados onde se almacenarán os restos que cheguen para o estudo que se suplementarán cunha sala na entreplanta de outros  23 metros cadrados con visión directa entre ambos.

ÁREA DE INTERVENCIÓN

A área de intervención, ocupa a totalidade do edificio anexo, antigos fornos incluídos, ata totalizar máis de 100 metros cadrados. O laboratorio de traballo situarase na antiga palleira que será pechado co proxecto que se licitou en días pasados, anexo onde se situará unha cámara de reactivos químicos, unha cámara frigorífica e outra sala de traballo onde se colocarán os dous fornos antigos. 

Por último, a área de exposición sitúase na planta baixa do edificio ocupando dúas salas que totalizan máis de 150 metros cadrados. Os expositores quedarán localizados no tramo máis próximo ao almacén da estancia situada baixo a solaina do Pazo e a outra parte da habitación albergará a sala multimedia. Contigua, e como gran área de exposición castrexa con 100 metros cadrados, habilitarase a exposición permanente que ocupará a sala do presebe dos cabalos que ademais ten un doado acceso para os visitantes  ao ser lindeira á recepción do Pazo.

ACCESOS SEPARADOS

O CXCA, dada a súa configuración, terá accesos separados para as distintas áreas de Intervención, tendo entradas tanto a recepción, a zona de intervención, a zona de almacenaxe e a zona expositiva á que ademais se accederá dende a entrada principal.

26 de outubro de 2013 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.