O conselleiro de Cultura e Educación salienta a Paco Lareo como un dos “grandes emprendedores das causas artísticas da nosa terra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal PortadaPontevedraVila de Cruces
A-
A+
Homenaxe a Paco Lareo na Fundación A Solaina en Piloño

Homenaxe a Paco Lareo na Fundación A Solaina en Piloño

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou a Paco Lareo como un dos membros “desa caste de grandes emprendedores das causas artísticas da nosa terra, desde a mesma comarca da que saíron sobranceiras figuras como Laxeiro, Sucasas e Lamazares, entre tantos outros”. Fíxoo no marco da homenaxe que se celebra ao longo do sabado en Vila de cruces coincidindo co cabodano do pasamento do artista, actos aos que asiste tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Xesús Vázquez participou na ofrenda floral e na descuberta dunha escultura de Paco Lareo nas instalacións da Fundación A Solaina de Piloño, obra de Xosé Luís Ferreiro ‘O Vila’. Durante a súa intervención salientou a figura de Lareo como un “referente importante dentro da creación da nosa contemporaneidade”. Neste sentido lembrou a obra do artista, moi vinculada ao Concello de Vila de Cruces, desde a creación da figura do galo de curral, ata a internacionalización do Museo da Solaina, como deseñador de carteis para as festas, creador da insignia e do Testiño, entre outros traballos.

“As manifestacións artísticas de Paco Lareo actúan desde o plano simbólico, un plano que se nos presenta cunha nova intensidade na comprensión do máis cotián, nas vivencias individuais, e na apertura ás emocións e aos sentimentos. Neste mundo en continuo proceso de mutación, esta forma de ver e de actuar dos grandes creadores como Paco Lareo facilita as aperturas a novas solucións, nas que só unha parte insignificante ten sentido desde a lóxica convencional. A súa grandeza foi crear novas achegas, novos universos, coidalos e deixalos para que os que vimos detrás podamos acceder ao seu goce”, sinalou.

O acto, no que tamén interviñeron a irmán de Lareo e presidenta da Fundación, Carmen Lareo; e os alcaldes de Vila de Cruces e Lalín; Jesús Otero e José Crespo, respectivamente; completouse coa interpretación do himno galego por parte do grupo ‘Os gaiteiros de Piloño’. Tras un xantar de confraternidade, os actos continuarán pola tarde coa mesa redonda ‘Paco Lareo, arte no rural’, na que participará o secretario xeral de Política Lingüística; e co recital ‘Música e Palabras para Paco’.

19 de outubro de 2013 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.