O concurso escolar ‘Mete unha vaca no Aquarium’ remata prazo de inscrición o 31 de outubro
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, destaca que xa recibiu preto de 400 debuxos procedentes de toda Galicia -a maioría de centros educativos que propuxeron esta actividade na aula- para participar no concurso escolar Mete unha vaca no Aquarium. O prazo para presentarse conclúe o 31 de outubro.
O concurso invita os escolares a realizar un deseño dunha vaca decorada con motivos relacionados coa acuicultura, que será o tema dunha exposición que se está a preparar para o Aquarium Finisterrae. O deseño que resulte gañador servirá para pintar unha escultura a tamaño real dunha vaca que formará parte da exposición.
De xeito similar a como aconteceu no Neolítico, cando o desenvolvemento da agricultura e a gandaría constituíron unha revolución, na actualidade a acuicultura representa outra revolución dos cultivos, neste caso mariños. Así, a vaca, un dos primeiros animais que se domesticaron naquela época antiga, tería o seu equivalente actual nos peixes e demais especies do mar obxecto da acuicultura. Por este motivo, seguindo a idea das esculturas de vacas decoradas con variados deseños que puideron verse en moitas cidades, pídese aos escolares que deixen voar a súa imaxinación e que deseñen a súa vaca da acuicultura.
Para participar hai que descargar un bosquexo de vaca sobre o que se realizará o deseño na dirección: mc2coruna.org/docs/boceto-vaca-acuicultura.jpg. Os debuxos enviaranse á Domus (cale Anxo Rebolo, número 91); tamén poden entregarse na recepción da Domus, ou remitilos ao correo electrónico fran@casaciencias.org. Os debuxos deben ir acompañados de nome e apelidos do autor, idade, curso, centro educativo no que estuda, teléfono, dirección postal e correo electrónico de contacto. Só se poderá enviar un deseño por participante. Para máis información: http://es.mc2coruna.org/2013/10/mete-una-vaca-en-el-aquarium.html.











