O Concello limpa as marxes do río Mera para potenciar o seu desfrute por parte da poboación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello realizou, con cargo ás axudas de Rede Natura, que concede a Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, unha intervención de limpeza e sinalización das marxes do río Mera, no tramo máis próximo ao núcleo de ponte Mera. O obxectivo, mellorar as zonas de servidume co fin de mellorar o seu aproveitamento, uso e desfrute por parte da poboación.

A actuación desenvolvida, na que se investiron algo máis de 8.000 euros, consistiu na roza do treito comprendido entre a AC 862 e a área recreativa Isla de Mera, e polo lado, o tramo entre o campo da festa e a zona de baño de Pozo do Rego.

Dado que o percorrido resultaba impracticable, procedeuse a eliminar a maleza existente ao longo dos ao redor de 1.200 metros obxecto da actuación. Retirouse ademais a vexetación arrastrada polo río, podáronse árbores que impedían o paso e cortáronse exemplares que se encontraban en malas condicións e que, polo tanto, poderían constituír un perigo para os camiñantes.

En paralelo, procedeuse a mellorar e ampliar a sinalización (pivotes de continuidade, sinais de dirección e un par paneis explicativos) da ruta de sendeirismo circular deseñada hai anos dende a Isla de Mera ata ponte Noval, incorporando ademais o enlace ata ponte Mera.

Deste modo, o goberno local engadiu á finalidade recreativa da actuación, unha utilidade educativa e ambiental como carta de presentación dunha parte do LIC Ortigueira-Mera, dado que o pequeno percorrido polo val do Mera (algo máis de 6 Km) permite descubrir os hábitats máis representativos deste espazo incluído na Rede Natura 2000.

24 de outubro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.