O Concello executa obras de mellora da rede de saneamento e abastecemento no rural
Cun presuposto de 98.000 euros, o Concello de Cedeira executa obras de ampliación da rede de abastecemento na zona rural. As tarefas comezaron a finais do mes de setembro no lugar de Saa -parroquia de Esteiro- e continuarán esta semana en Montemeao e Virizo para, a posteriori, proseguir en Sisalde. En Virizo, a intervención prevista tamén contempla a construción dun novo ramal de saneamento. A intención do Concello é que as obras estean finalizadas no prazo de mes e medio. Unhas obras que a Administración local financia conxuntamente coa Deputación Provincial da Coruña, que participa nestas a través do programa Plan de Obras e Servizos.
Por outro lado, aínda que sen abandonar a zona rural, a Concellaría de Obras procedeu á instalación, a petición veciñal, dunha nova marquesiña no lugar do Barral, parroquia de Régoa. E nos próximos días, farao en San Román, xunto ao antigo escolar hoxe en día local social. Con estas, elévanse á decena as infraestruturas deste tipo instaladas no que vai de ano polo Concello para mellorar
os servizos parellos ao transporte público.











