O concello de San Sadurniño arranxará as pistas municipais da Portela, Ramisqueiras, Rubiña e a de Casanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

O Concello aprobou recentemente en Xunta de Goberno Local o proxecto das obras, que poderían contratarse a finais deste ano ou primeiros do que vén. En calquera caso os traballos deberán estar rematados no mes de xuño para a súa xustificación perante a AGADER. Esta axencia achega 60.949,80 euros con cargo ao Programa de mellora de camiños de titulariedade municipal, coñecido anteriormente como PEIM.

Os cartos irán parar a catro actuacións no Camiño Arriba-Lamas, en Naraío e en San Sadurniño. Así, no camiño das Ramisqueiras -duns 700 m de lonxitude e 3 metros de ancho- taparanse os baches e botaráselle unha nova capa de grava e asfalto. Este mesmo tratamento de restauración será o que se aplique na Casanova -315m. por 2,75 de ancho- e na Rubiña, onde a pista ten 240 m de longo e 3 metros de ancho medio.

A maior intervención resérvase para a pista que une a estrada que vai a Santa Mariña coa de Pedroso pasando por diante da capela de San Cristovo da Portela. Non é a que presenta peor estado, xa que este verán fixéronselle traballos de mantemento cubrindo os baches que tiña. Porén, o uso deste eixo viario levou ao Concello a deseñar un proxecto específico no que se lle dá un ancho uniforme de 4.5 metros a todo o trazado que, ademais, levará aglomerado, as gavias acondicionadas e sinalización horizontal. Desta maneira o departamento municipal de Obras agarda deixar lista para varios anos unha estrada de arredor de 1 km que, ademais, será máis segura co novo firme.

O investimento total ascende a 73.743,46 euros dos que o Concello achega o 21% mentres que o 79% restante se sufragará cos fondos europeos do FEADER.

14 de outubro de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.