O Concello de Ribadumia restablece o Servizo de Orientación Laboral municipal
O Concello de Ribadumia restablece esta semana o Servizo Municipal de Orientación Laboral, co fin de reforzar a atención e a información municipal que ofrece ás persoas demandantes de emprego. O Concello de Ribadumia recibe unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar, que contempla a contratación dunha persoa a xornada completa. Encargarase, desde o mércores, de axudar ás persoas que se acheguen ata as oficinas municipais a atopar traballo no menor tempo posible a través de formación permanente, do coñecemento das propias habilidades e aptitudes e da reorientación da carreira profesional para aqueles traballadores procedentes de sectores en crise. O servizo estará dispoñible na Casa da Cultura de Ribadumia en horario de mañá.
O Concello de Ribadumia non suspendeu en ningún momento as tarefas de información e seguimento ás persoas demandantes de emprego. O servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do concello asumiu temporalmente as tarefas do servizo de orientación laboral, co obxectivo de garantir que ningún dos usuarios quedase descuberto. Así, durante este tempo continuouse co asesoramento, coa elaboración de currículos, co seguimento na busca de emprego activo… A incorporación do orientador laboral permitirá reforzar o servizo, amplialo e mellorar a calidade na atención individualizada.
Entre as accións do orientador laboral inclúense a elaboración de diagnoses individualizados sobre o perfil, as necesidades e as expectativas das persoas demandantes de emprego mediante entrevistas personalizadas; o deseño, a elaboración e a realización de itinerarios individuais e personalizados; información e orientación; e asesoramento. Desde o Concello de Ribadumia, a alcaldesa Salomé Peña destaca que “un dos nosos obxectivos prioritarios é continuar ofrecendo aos cidadáns todos os mecanismos para facilitar unha busca de emprego ordenada e eficaz nesta época de crise económica”.
Outra das labores deste servizo é a recopilación e difusión de información sobre coas ofertas de emprego que chegan desde o INEM de Vilagarcía de Arousa e de Cambados; as ofertas que se publican noutros servizos de orientación laboral da provincia; en páxinas web; xornais; ofertas de emprego público; pero tamén cursos de formación. Estes datos remítense por correo electrónico ás preto de 500 persoas de toda a comarca que están inscritas no servizo. O obxectivo é garantir a maior inmediatez na recepción das ofertas laborais e de formación, xa que o factor tempo xoga un factor importante á hora de inscribirse nunha oferta de traballo.











