O Concello de Pontevedra celebra dende o sábado a Cerimonia de bebés
O Concello de Pontevedra porá en marcha este sábado, 26 de setembro un novo acto protocolario: a cerimonia de bebés que se celebrará no Pazo de Mugartegui. O bando que anuncia a celebración da Cerimonia de bebés é o seguinte:
Queridos pontevedreses e pontevedresas, Ante a demanda expresada por unha parte da cidadanía, nomeadamente proxenitores que desexan testemuñar públicamente o nacemento dos seus fillos ou fillas en Pontevedra, veño en dispoñer a celebración dun novo tipo de eventos, aos que denominaremos Cerimonias de Bebés, que consisten en desenvolver actos públicos de recoñecemento a novos cidadáns e cidadás.
Pontevedra, considerada Cidade Amiga da Infancia, aposta por convertirse nunha cidade na que as nenas e os nenos poidan medrar en espazos sans, integradores e amábeis, na que servizos básicos como a educación, a sanidade e a cultura se presten con garantías públicas e na que as políticas de apoio á infancia estean presentes en todos os ámbitos da xestión pública, desde a accesibilidade á mobilidade infantil, pasando pola educación viaria, as programacións cultural, festiva e deportiva, as políticas de benestar e o apoio á educación xeral, entre outros.Moitas persoas desexan celebrar un acto de testemuña pública do nacemento dun novo membro das súas familias, a través dunha cerimonia de benchegada á cidadanía, polo que ordenei planificar todos os detalles que nos permitan acometer este tipo de eventos coa dignidade e a formalidade necesarias para que resulte un acontecemento memorábel.
Despois de realizar os sondeos pertinentes, decidimos celebrar cerimonias de bebés ás que poidan acodir as criaturas acompañadas dos pais, nais, testemuñas e familiares que desexen, para seren recoñecidos públicamente como cidadáns ou cidadás de Pontevedra. As cerimonias serán colectivas, mensuais, programadas e organizadas segundo un protocolo elaborado expresamente con esta finalidade. Terán lugar no Pazo de Mugartegui un día sábado pola mañá, se ben estes aspectos son flexibles e irán regulándose a medida que se vaian celebrando eventos e que se poidan axustar todos os extremos para perfeccionalos, adaptalos no posíbel á demanda dos interesados e lograr a máxima dignidade ecomodidade dos participantes.
Os proxenitores interesados en participar nestas cerimonias, deben dirixir unha solicitude ao Servizo de Protocolo da Alcaldía na que fagan constar os seus nomes e números de DNI, o nome do neno ou nena e data de nacemento, enderezo familiar e fotocopia do Libro de Familia. No Servizo de Protocolo do Concello poden recibir máis información sobre calquera curiosidade e suxestión que queira realizar en torno á cerimonia.











