O Concello de Ortigueira acometerá obras de mellora en viais de 13 parroquias por máis de 196.000 euros
Adxudicadas as obras do POST 2013, que cofinancian Concello de Ortigueira e Deputación da Coruña, destinadas ao acondicionamento de vías públicas da localidade. As intervencións previstas polo goberno de Rafael Girón permitirán a mellora da seguridade vial en pistas municipais dun total de trece parroquias.
Os traballos incluídos nos dous paquetes de obras, adxudicado un ás empresa José No Mantiñán e Fillos Construcións, e outro a José Manuel Piñeiro López SL, inclúen o aglomerado en quente de dous viais (a rúa Constitución en pleno núcleo urbano, e a estrada a Gándara en Senra), e a rexeneración dun total de vinte pistas, e teñen un presuposto de algo máis de 196.000 euros.
Como vén sendo habitual, os labores de posta a punto afectarán a camiños entre lugares e accesos a núcleos habitados de vivendas que se encontraban en malas condicións, nuns casos debido ao seu uso intensivo e, noutros, como consecuencia do paso do tempo.
As actuacións, que contribuirán a mellorar a seguridade vial tanto dos condutores coma dos peóns que han de empregar a diario esas estradas localízanse nas parroquias de Insua, ou Ermo, San Adrián, ponte Mera, San Claudio, Cuiña, Barbos, Luía, Ladrido, Loiba e San Salvador de Couzadoiro.
Cumprindo o seu compromiso, o goberno local reservou unha parte importante do POST 2013 a afrontar estas obras públicas que constitúen unha demanda permanente dos veciños da zona rural.











