O Concello de Oleiros organiza obradoiros de radio para escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, en colaboración co Fondo galego de Soliradiedade está a organizar unha serie de obradoiros de radio para a formación en valores a través da música. As sesións, unha levada a cabo onte e outra o próximo día 31 deste mes, son impartidas pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. As clases celébranse entre as 17 e as 20 horas, no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo e nelas participarán un grupo de quince rapazas e rapaces de entre dez e doce anos.

A iniciativa busca sensibilizar á cidadanía sobre os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Milenio, fomentando á vez as habilidades de participación, a través da comunicación para o desenvolvemento. Nas capacitacións adquiriranse as destrezas básicas para elaborar unha peza radiofónica na que se reflexionará mediante a música arredor de temas como a igualdade, a convivencia pacífica, as causas da pobreza ou o coidado do medio ambiente.

O apartado musical pode complementarse con entrevistas, enquisas na rúa, etc. As principais destinatarias e destinatarios son estudantes de 5º e 6º curso de Primaria ou ben de 1º e 2º da ESO. No entanto, tamén pode tratarse de asociacións de mulleres, migrantes, persoas con discapacidade ou calquera colectivo en risco de exclusión. Nestes casos, os contidos enfocaranse cara as súas problemáticas concretas.

Estes obradoiros teñen unha duración de seis horas estruturadas en dúas xornadas. Na primeira impartirase unha introdución ao medio radiofónico para coñecer as súas características, a linguaxe ou os xéneros xornalísticos, amais de explicar os ODM e os DDHH. Na segunda sesión poranse en común as cancións recompiladas, para logo realizar guión e a gravación. Nos casos en que sexa posible, a práctica realizarase nunha emisora municipal. O espazo resultante emitirase en Agareso Radio e pendurarase no web www.fondogalego.org como podcast, e cederase asemade ás canles locais.

27 de outubro de 2013 | 10:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.