O Concello de Neda traballa para dar solución aos emigrantes retornados afectados por sancións fiscais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda non ten constancia de emigrantes retornados residentes na real vila afectados por sancións fiscais por non ter realizado as declaracións dos ingresos procedentes deses países nos últimos catro anos. Pero, en todo caso, e en resposta ao declarado polo grupo socialista, tal e como se comprometeu o goberno local no último pleno, non só dende Neda se está a traballar na resolución deste tema, senón tamén a nivel autonómico dende o Executivo galego. Nesta liña, explica que a Xunta considera que a inmensa maioría dos pensionistas retornados non actuaron con ánimo defraudador. Por iso, e a pesares de non ter competencia nesta materia, o Goberno gale-go púxose a traballar dende o primeiro momento dende que tivo coñecemento desta problemática. Así, instou á Axencia Tributaria estatal a ampliar os prazos de pago analizando as posibles solicitudes de aprazamento e fraccionamento.

O Concello de Neda considera que a maioría dos pensionistas afectados non tiveron vontade de incumprimento das súas obrigas tributarias, e por iso cre que cando non existe intención defraudadora non cabe a imposición de sancións por parte da AEAT. Unha postura na liña do aprobado por unanimidade no Parlamento galego.

De feito, a conselleira de Facenda xa mantivo un encontro con representantes deste colectivo e enviou sendas cartas ao ministro de Facenda e ao director da AEAT para expoñerlles a importancia deste tema para Galicia, con milleiros de afectados, e para propoñerlles posibles actuacións que faciliten o cumprimento das obrigas tributarias destes pensionistas. Precisamente, o director da AEAT contestou á conselleira de Facenda confirmando que deu instrucións á Delegación en Galicia para que analice caso por caso a situación de todos os pensionistas afectados.

29 de outubro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.