O Concello de Neda reforza o servizo de axuda a domicilio con tres novos auxiliares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda reforzará o servizo de axuda a domicilio coa incorporación de tres auxiliares, que comezarán a súa actividade este próximo luns, 4 de novembro. A súa contratación é posible grazas á colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que daba o visto bo ao proxecto presentado polo Concello aos Programas de Cooperación. Non serán as únicas incorporacións que se producirán o luns, xa que ao abeiro do mesmo programa autonómico, a Administración local tamén vén de contratar catro operarios para desenvolver un programa de acondicionamento da rede viaria municipal. En concreto, dous albanéis, un peón e un varredor.

Nun e noutro caso, este persoal prestará os seus servizos por espazo de catro meses a media xornada. O proceso de selección realizouse esta semana, despois de que o Servizo Público de Emprego remitise unha listaxe coas candidaturas de persoas desempregadas para ocupar os postos. En total, 68 aspirantes para cubrir sete postos.

Trátase, segundo o Concello, dunha noticia moi positiva no actual contexto de crise económica, xa que ofrecerá unha oportunidade laboral a sete veciños e veciñas e permitirá á Administración local acometer traballos de mellora necesarios na rede viaria e reforzar o servizo de axuda no fogar.

31 de outubro de 2013 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.