O Concello de Neda afrontará un plan especial de limpeza e desbroces de vías
O Concello de Neda informou esta mañá dos traballos de limpeza e desbroce das beirarrúas da estrada da Mourela de Abaixo ata o entorno do centro educativo Maciñeira. Unhas tarefas incluídas no plan de acondicionamento de vías que levará a cabo nos próximos meses o departamento de Obras grazas a sendas subvencións procedentes da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial.
En concreto, este mes catro operarios (dous albanéis, un peón e un varredor) pasarán a engrosar a plantilla municipal durante catro meses a media xornada. Así será posible despois de que a Xunta aprobase o proxecto presentado polo Concello aos Plans de Cooperación.
Ademáis, a Administración local tamén contará coa colaboración da Deputación neste programa. De feito, a institución aprobaba no pasado pleno do día 25 a partida económica para financiar un programa de seguridade vial agora tan só pendente de formalizar o convenio co Concello para a súa posta en marcha. Programa que permitirá levar a cabo tarefas tendentes a rebaixar os índices de siniestralidade mediante actuacións tanto en beirarrúas, cunetas como calzadas da rede viaria municipal. E, entre estas, mellora do firme con aplicación de rego asfáltico, extendido e compactado de gravas, rebacheos, desbroces ou captacións de auga, así como conducción das mesmas ben á cuneta ben á rede municipal de abastecemento.
Deste xeito, a Administración local poderá asumir toda unha serie de traballos este ano de todo necesarios, especialmente polas condicións climatolóxicas rexistradas.











