publicidade hoxe

O Concello de Frades investirá 17.000 euros na mellora da praza do mercado de Ponte Carreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal
A-
A+
Praza do mercado de Ponte Carreira no concello de Frades

Praza do mercado de Ponte Carreira no concello de Frades

O Concello de Frades vai investir un total de 17.167 euros na mellora da praza do mercado de Ponte Carreira, que incluirá a construción dunha beirarrúa para mellorar o acceso dos veciños e veciñas ao mercado ambulante tradicional que ten lugar os días 12 e 26 de cada mes. Uns traballos que veñen de comezar nestes días e que estarán rematados antes de finais de ano.

Na actualidade sitúanse uns vinte postos ambulantes cada día na feira de Ponte Carreira, que non teñen cabida no espazo da praza do mercado de Ponte Carreira, polo que se instalan nas rúas lindeiras. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “a rúa da fronte xa conta con beirarrúas, que facilitan o acceso dos peóns, pero a rúa que se atopa no lateral sureste da praza non posúe ningún tipo de beirarrúa, de xeito que o acceso dos peóns faise de forma moi irregular, sobre firme de terra que durante o inverno fan da zona un espazo intransitable. A nova beirarrúa dará servizo aos veciños e permitirá un mellor uso do mercado nos días de feira”.

Recollida de pluviais

O acceso ao mercado pola rúa situada no lateral sureste da praza de Ponte Carreira realizarase mediante unha beirarrúa de formigón coloreado dunha anchura media de 2 metros, situado ao mesmo nivel da rúa e separada da mesma a través dunha canle de formigón de 20 centímetros de ancho que permitirá a recollida de augas pluviais. O resto dos elementos que compoñen a praza e as rúas laterais continuarán coa súa configuración actual.

Estas obras contan cun orzamento de 17.167 euros, dos que o Concello de Frades aportará o 25% (4.291,75 euros). Os 12.875,25 euros restantes serán investidos grazas a unha achega da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia con cargo ao programa de subvencións para a revitalización do comercio de proximidade e potenciación dos mercados existentes, que conta coa cofinanciación do FEDER.

15 de outubro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.