O concello de Ferrol somete a información pública o proxecto de normalización do mobiliario urbano do barrio da Magdalena
O Goberno Municipal de Ferrol, deu un novo paso para avanzar na homoxeneización dos elementos urbanísticos do barrio histórico de A Magdalena coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da aprobación inicial do proxecto de normalización do mobiliario urbano nesta zona da cidade. A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, que dirixe Guillermo Evia Pérez, elaborou esta proposta que foi aprobada inicialmente o pasado 23 de setembro en Xunta de Goberno Local e que entra agora nun período de información pública de 30 días a contar dende hoxe e durante o que se pode presentar alegacións ao documento.
Este proxecto de normalización dos elementos urbanísticos barrio histórico de A Magdalena, que responde á necesidade de homoxeneización recollida no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio de A Magdalena, permitirá complementar á actuación de renovación de papeleiras que se realizou durante este verán. Na actualidade, o mobiliario urbano desta zona da cidade é produto de diferentes intervencións ao longo dos anos e sofre dunha falta de homoxeneización xeral. As rúas que se verán afectadas pola normalización dos elementos urbanísticos son as seguintes: rúas María -dende Praza de España a Rubalcava-, Galiano, Dolores, Real -dende praza de España a Méndez Núñez-, e Magdalena -dende Rochel a Rubalcava-.
Homoxeneización e reubicación do mobiliario existente
A proposta urbanística contempla a instalación de 60 xardineiras -30 de planta circular e 30 cadrada-; 30 bancos -27 de modelo sinxelo e 11 dobres- con respaldo e un modelo máis actual; 7 aparca-bicicletas; 3 expositores; e unha fonte. Ademais, o mobiliario urbano que actualmente existe no barrio de A Magdalena será reubicado noutras zonas da cidade.











