O Concello de Ferrol destina 33.000 euros ao programa educativo “Xadrez nas escolas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente do Círculo Ferrolán de Xadrez, Juan Rodríguez Rey, para o desenvolvemento do programa educativo “Xadrez nas Escolas” durante o curso escolar 2013-2014 en centros públicos e concertados de Ferrol. O Concello de Ferrol achegará este ano un total de 33.000 euros a este proxecto, “incrementándose o acordo con respecto ao pasado ano en 3.000 euros” sinalou a edil. Así, Susana Martínez explicou que se impartirá como “actividade complementaria en horario lectivo nun total de 21 Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) públicos e concertados” e que estará dirixido ao alumnado do último curso de Infantil, e de 1º e 2º de Primaria, o que supón unha participación de máis de 1.800 rapaces e rapazas. A concelleira responsable das políticas educativas manifestou o seu compromiso de estudar a posibilidade de ampliar o programa a un curso máis para o vindeiro ano “porque sabemos a importancia que ten o xadrez no desenvolvemento intelectual os máis pequenos”.

“Xadrez nas Escolas” é un programa de carácter gratuíto para os centros educativos e o alumnado participante, xa que os gastos son costeados pola Concellería de Educación do Concello de Ferrol. A súa finalidade é ensinar o xogo do xadrez a todos os nenos e nenas dos centros educativos de tal maneira que poidan xogar partidas e incorporar o xadrez ao seu repertorio de xogos. Así mesmo, pretende aprender a pensar por conta propia, analizar e resolver problemas, ademais de coñecer as capacidades de cada un. Traballar a memoria, a atención, abstracción, comprensión e asimilación de conceptos, creando hábitos de estudo e estimulando a actitude e o desexo de superación mediante o coñecemento son tamén obxectivos deste programa educativo, no que se inculca aos participantes a importancia de respectar as normas do xogo.

Respecto aos contidos básicos deste programa, estes serán o coñecemento do taboleiro de xadrez, colocación e xeometría; coñecemento das pezas (rei, dama, torre, alfil, cabalo e peón) e os movementos; o concepto de “Xaque Mate” (captura  do rei contrario como obxectivo último do xogo); outras posibilidades (táboas, xogadas, especiais -enroque, captura ao paso, coroación- e partidas. O programa educativo “Xadrez nas Escolas” terá unha duración global de 42 horas e media semanais.

29 de outubro de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.