O Concello da Coruña decora os locais baleiros con imaxes de cada barrio para promover o comercio local
A área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid puxo en marcha dúas novas iniciativas para apoiar o pequeno comercio coa adxudicación da decoración dos escaparates de locais baleiros, co obxectivo de poñelos en valor e facelos máis atractivos para a venda ou o aluguer, e a través dunha campaña de vales de compra con sorteo de premios de 30.500 euros entre os clientes das tendas.
A primeira das iniciativas da área de Emprego e Empresa consiste en decorar baixos comerciais baleiros para poñelos en valor co obxectivo de mellorar a súa imaxe para a súa venda ou aluguer. A proposta ponse en marcha tras o éxito alcanzado na primeira edición desta campaña coa rotulación de case 70 locais. Nesta ocasión, o deseño elixido para vestir os escaparates é un elemento moi característico da cidade: as galerías de cristal.
Deste modo, cada comercio decorado converterase nun miradoiro onde, xogando coas ventás abertas ou pechadas, se mostrarán imaxes características do barrio onde se sitúa o local en cuestión. En todo caso, a decoración deberá permitir ver o interior o establecemento. Os propietarios interesados en participar poden inscribirse ata o 30 de novembro no 981 25 50 12 ou en publicidad@luzinarte.com.
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, explica que con esta acción o Concello quere preservar a identidade de cada barrio e facer “máis atractivos e visibles” os establecementos que se encontran baleiros.
DESESTACIONALIZACIÓN
A campaña de dinamización comercial baseada en vales de compra realizarase entre o 8 de novembro e o 15 de decembro de 2013 e pretende impulsar a actividade do pequeno comercio con sorteos de premios para comprar nas tendas. O concurso consiste en entregar papeletas ás persoas que compren nos establecementos participantes co seguinte criterio: os clientes recibirán unha papeleta por ata 20 euros de compra, tres por unha compra de entre 21 e 50 euros e cinco cando supere os 50 euros.
As papeletas, cubertas polo cliente, depositaranse nunha urna habilitada para tal fin en cada un dos comercios que participen na campaña. O sorteo de premios realizarase o 20 de decembro e a relación destes, por un importe total de 30.500 euros, será a seguinte:
– Un premio de 1.000 euros en vales de compra.
– Cinco premios de 750 euros.
– Cinco premios de 500 euros.
– 20 premios de 250 euros.
– 20 premios de 100 euros.
– 50 premios de 75 euros.
– 250 premios de 50 euros.
A área de Emprego e Empresa destinou para ambas as dúas campañas 136. 000 euros, dentro da súa aposta por potenciar e axudar ao pequeno comercio a través de accións de revitalización do sector e buscando a desestacionalización para contribuír a que o comercio permaneza activo todo o ano, indica Cid.











