O Concello da Coruña celebrará o Día da Biblioteca con numerosas actividades
A Concellaría de Cultura informa de que mañá, xoves 24 de outubro, se celebrará o Día da Biblioteca con diferentes actividades na rede de bibliotecas municipais da Coruña.
BIBLIOTECA ÁGORA
A primavera árabe esgotouse para a muller. Conferencia da autora Nazanin Armanian, especialista en temática árabe e columnista no diario dixital Público.es, sobre a chamada Primavera Árabe e as expectativas truncadas que supuxeron eses procesos de revolta política en relación coa situación da muller. A charla organízase dende Amnistía Internacional en colaboración coas Bibliotecas Municipais.
Hora: 20.00 horas.
Público: adultos.
BIBLIOTECA ESTUDOS LOCAIS
Presentación do libro O fillo de Maciste, primeira obra de Paco Campos. Trátase dunha obra de relatos curtos en edición trilingüe editado por Galebook. A escritora e profesora Mercedes Queixas presentará o libro. Haberá unha actuación musical na que participará o propio autor acompañado polo músico Xosé Taboada.
Hora: 20.00 horas.
Público: adultos.
BIBLIOTECA FÓRUM METROPOLITANO
Maratón de Contos: Silencio!! Cóntase. Propón ao público celebrar o Día da Biblioteca contando o seu conto favorito. Non ten que ser infantil e tampouco ten que ser necesariamente un conto. Un poema, unha canción, un relato, unha vivencia… aquilo que o faga vibrar e que queira compartir. É necesario inscribirse no mostrador da biblioteca ou chamar ao teléfono 981 18 42 98. Todos os participantes recibirán un regalo.
Hora: a partir das 18.00 horas.
Para todo o público.
BIBLIOTECA SAGRADA FAMILIA
Celebra esta data seleccionado dos seus fondos novelas, libros, documentos… que xiran en torno ao libro e ás bibliotecas para a mostra bibliográfica Ex libris que permanecerá ata o 30 de outubro.
Ademais, ese mesmo día dispoñerase un gran lote de películas, discos e libros solitarios para os que se buscan donos e donas. É por iso que, a partir das 09.00 horas e ata fin de existencias, se poñerán eses materiais a disposición de quen os queira, coa condición de Tratalos, gozalos e mimalos como se merecen. Como colofón, reábrese o ciclo Os Xoves na Sagrada co concerto de Najla Shami, acompañada nesta ocasión de Sergio Tannus. Najla é unha cantante e compositora nacida en Santiago de Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina. Vén a presentar o seu libro-disco Na lingua que eu falo, dez temas en torno á poesía de Rosalía de Castro. A súa música incorpora influencias de estilos como jazz, funk, world music e música galega.
Hora: 19.30 horas.
Para todo o público.











