O Coliseum celebra a terceira edición do Finisterrae Festival
A Concellaría de Cultura, que dirixe Ana Fernández, anuncia que o próximo 2 de novembro se celebra, no Coliseum, a terceira edición do Finisterrae Festival, con Spock’s Beard e Janos Varga. As entradas xa están á venda.
Finisterrae Festival 2013 regresa por terceira vez á cidade da Coruña. Serán catro concertos (Spock’s Beard, Janos Varga, Kristoffer Gildenlöw e Sonutopía) nun único día (o 2 de novembro), unha data escollida a propósito por estar situada entre un festivo e un domingo.
As entradas están á venda no despacho da praza de Ourense, de luns a venres, en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; en televenda (www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500); e o mesmo día do espectáculo no despacho do Coliseum. Os prezos das entradas son de 25 euros, con descontos por compra anticipada (entradas a 20 euros). Para máis información, pódese consultar a páxina web www.finisterraefestival.net.
SPOCK’S BEARD (USA)
No seu concerto 180 por terras europeas, a popular banda californiana lidera por vez primeira un escenario en España. Músicos fundamentais no rexurdir do rock progresivo en USA a metade dos 90, os irmáns Morse, Neal e Alan, acertaron de pleno ao saber combinar de forma maxistral os sons dos primitivos e botados de menos Genesis, a música estrambótica de Gentle Giant e as harmonías vocais de The Beatles e The Beach Boys, con arranxos propios moi orixinais. Os seus temas extensos, melodías pops e virtuosidade na execución, converteron a Spock ´ s Beard en todo un referente da noite á mañá. Con novo cantante nas súas filas e o seu disco número 11 de estudo recén publicado, Spock ´ s Beard e a súa contundente posta en escena subiranse ao escenario no Coliseum.
JANOS VARGA Project (Hungría)
A pesar deste proxecto no que János Várga se envolveu nos últimos anos, o guitarrista húngaro leva dando mostras do seu enxeño dende mediados da década dos 70; cando formou a banda EAST xunto ao tamén participante esta noite, István Király. Cunha explosiva mestura de músicas orientais, folk e jazz-rock nos seus inicios, o grupo foise inclinando cara ao rock progresivo máis clásico a medida que avanzaba. Tras abandonalo en 1987, iniciou a súa propia carreira alternando colaboracións como convidado noutros discos e compoñendo tanto música avant-garde, como para danza ou anuncios publicitarios. Non foi ata o ano 2000 cando deu forma a este cambo que se presenta nesta edición como un reto que o propio artista tomou moi en serio, dado que é a súa primeira vez en España. Para este concerto enteiramente instrumental, o grupo estará acompañado por un segundo percusionista como principal novidade, prescindindo esta vez dos teclados.
KRISTOFFER GILDENLÖW (Suecia)
O inicio da carreira de Kristoffer Gildenlöw remóntase a finais dos anos 90. Durante o máximo esplendor do rock progresivo escandinavo, funda xunto ao seu irmán Daniel unha das bandas máis influentes do denominado prog/metal: Pain Of Salvation. A comezos do século XXI abandona o grupo e instálase en Holanda como músico de sesión principalmente, ademais de participar nalgunha que outra xira como músico de acompañamento. Na primavera de 2013 edita o seu primeiro álbum en solitario, de ton suave, melancólico e cheo de matices, así como de variedade instrumental. Rust preséntase como un dos traballos conceptuais máis intimistas do ano. Neste concerto singular e de estrea internacional, o artista sueco interpretará o seu disco ao completo acompañado de proxeccións. Na parte final, revisará clásicos da súa antiga banda, do seu primeiro proxecto Dial, ademais dun particular versión do tema Mother de Pink Floyd.
SONUTOPÍA (A Coruña)
Tras a estrea de Amoeba Split na pasada edición, de novo un grupo local encargarase da apertura do festival. A banda liderada por Xoan Limia e Javier Paz lograron a difícil tarefa de gravar e autoproducirse o seu primeiro traballo discográfico o pasado ano. O seu disco homónimo representa ata o momento o máximo expoñente do rock progresivo clásico na cidade. Membros da nova plataforma S.A.R. (Spanish Art Rock) e de claras influencias dos Pink Floyd e Deep Purple máis eléctricos, o seu repertorio servirá de aperitivo aos máis madrugadores.











