O Club de Rugby Ferrol inaugura a nova tempada 2013-2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+
Presentación da nova tempada

Presentación da nova tempada

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a nova tempada 2013-2014 do Club de Rugby Ferrol. A edil estivo acompañada polo presidente do club, Cristóbal Dobarro; o director deportivo e adestrador-xogador, Francisco Usero; o xogador, Mauro Andrés Álvarez; e o director da Escola Municipal de Rugby, Alejandro Segura.

Martínez Galdós sinalou que o Club de Rugby Ferrol “cada ano vai a máis, non só a nivel de competición senón tamén a nivel de categorías menores e de escola”. Así, a edil ferrolá destacou a importancia do deporte de base  na adquisición de valores para os máis pequenos .O equipo ferrolán competirá na nova tempada nas seguintes categorías: sénior masculino, sénior feminino, sub 18, sub 16, sub 14, e sub 12 e inferiores. Máis dun centenar de deportistas, de entre 4 e case 50 anos, participan nas actividades do club e están dirixidos por un equipo técnico integrado por unha decena de persoas.

Pola súa banda, o presidente do Club de Rugby Ferrol, Cristóbal Dobarro, quixo agradecer ao Concello de Ferrol “o seu constante apoio”. Así, explicou que o primeiro equipo do club ferrolán competirá na Liga Galega, e a formación deportiva foi reforzada co obxectivo de conseguir o ascenso á 1º Categoría Autonómica. Para elo, foron incorporados numerosos xogadores con experiencia, dos que destacan dous fichaxes estrela: Francisco Usero e Mauro Andrés Álvarez. O novo adestrador-xogador do primeiro equipo, Francisco Usero, manifestou “estar encantado de volver á miña cidade para colaborar neste importante proxecto deportivo e poñer a Ferrol no panorama rugbístico nacional”.

2 de outubro de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.