O Circo do Sol ofrecerá unha nova sesión na Coruña tras superar as 35.000 localidades vendidas
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o espectáculo Quidam, que El Circo del Sol trae á cidade en decembro, ofrecerá unha nova sesión debido ao grande éxito de venda, despois de superarse xa as 35.000 entradas vendidas.
A nova sesión será o 28 de decembro ás 14.00 horas. As entradas poñeranse á venda hoxe, mércores 30 de outubro, a través dos puntos oficiais: www.livenation.es, Ticketmaster, El Corte Inglés, Servinova, entradas.com, e no despacho da Praza de Ourense. O prezo oscilará entre os 33 e os 69 euros, con descontos do 20% para nenos de 2 a 12 anos.
A compañía ofrecerá un total de 10 funcións que se representarán entre os días 25 e 29 de decembro no Coliseo da Coruña, cumprindo, deste modo, un obxectivo perseguido dende a inauguración do recinto. En Quidam os espectadores poderán gozar de diferentes acrobacias e números de contorsión aérea, roda alemá, swing nas nubes, balanceo a mans, diábolos ou malabar a cargo dun elenco formado por 52 acróbatas, músicos, cantantes e personaxes. Para este espectáculo, o Coliseo terá que adaptarse ás esixencias escénicas e técnicas da compañía, polo que, co fin de garantir o axeitado desenvolvemento e visibilidade do evento, contará cun aforamento para 5.000 persoas.











