O centro social polivalente será escenario da homenaxe aos membros da Rondalla e da Coral de Brión
O centro social polivalente de Pedrouzos acollerá mañá venres 25 de outubro, a partir das 20:30 horas, unha sentida homenaxe aos centos de veciños e veciñas de Brión que formaron parte da Rondalla Infantil e da Coral Polifónica, dúas agrupacións senlleiras promovidas polo Concello de Brión e que marcaron o panorama cultural da comarca ao longo da década dos noventa. Un acto convocado polos propios membros da Rondalla (agora adultos) e da Coral Polifónica de Brión, en colaboración co Concello de Brión, no que pretenden reunir a gran parte dos centos de persoas que formaron parte de ambas agrupacións, desaparecidas no ano 2001.
“Para manter a memoria destas dúas agrupacións e como agasallo ás moitas ducias de veciños e veciñas que nalgún momento da súa vida participaron nelas, acabamos de editar un disco para uso interno que entregaremos durante a homenaxe”, explica Luciano Pena, integrante da Coral e un dos organizadores do acto de mañá venres. O disco consta dunha primeira parte de música só instrumental, que fora gravada pola Rondalla Infantil de Brión nos estudos da Radio Galega o 7 de abril de 1993. A segunda parte, que recolle pezas das Rondalla Infantil e da Coral Polifónica de Brión, foi gravada polos equipos da Radio Galega na igrexa parroquial de Bastavales o 26 de abril de 1996.
Homenaxe a Isaac Vázquez Alvite
“Esta gravación quere ser tamén unha memoria agradecida ao fundador das dúas agrupacións: o mestre Isaac Vázquez Alvite”, apunta Luciano Pena. Vázquez Alvite foi director de ambas entidades dende a súa fundación: 1986 (Rondalla) e 1991 (Coral Polifónica). De feito, Rondalla e Coral desapareceron dous anos despois da morte de Isaac Vázquez, que tivo lugar no verán de 1999 cando contaba 56 anos de idade.
“Grazas ao afán perfeccionista e á tenacidade de don Isaac, ambas agrupacións lograran un nivel de calidade nada común, dispoñendo dun amplísimo repertorio dos máis variados estilos musicais: folclore galego, música relixiosa, habaneiras, música española (como “El Sitio de Zaragoza”, de C. Oudriz, que bordaba a rondalla), incluso de música clásica (como o coro de escravos de Nabuco de Verdi ou a marcha Radetzky de Strauss). Ademais, recuperou tamén unha peza orixinal de Emilio Magariños, que Isaac orquestrou e recreou: a canción de berce Meu amor”, explica Luciano Pena.
A Rondalla Infantil de Brión formouse no ano 1986 como escola de música. Comezou con 60 alumnos e nos cursos sucesivos nunca baixou de 100 matriculados, aínda que nas actuacións non interviñan máis de trinta rapaces. A Coral Polifónica de Brión creouse no ano 1991 e por ela teñen pasado máis de 70 veciños e veciñas ao longo dos seus dez anos de vida.
Rondalla e Coral adoitaban actuar xuntas e ofreceron máis dun cento de actuacións por distintas localidades da comarca e fóra dela: en Allariz, Arzúa, Vilagarcía, Terra de Montes, etc. Tamén actuaron no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, no Auditorio de Galicia e foron asiduas en distintos programas de TVG. Dentro do Concello de Brión, ademais de acudir a infinidade de acontecementos festivos, institucionalizaran os “concertos de Nadal”, que cada ano levaban a unha parroquia distinta.
Rondalla Infantil e Coral Polifónica desapareceron xuntas en 2001. Na actualidade, o ensino e a promoción musical de Brión está institucionalizado na Escola Municipal de Música Magariños, que conta cunha nutrida matrícula; e conta con novas agrupacións como a Banda Municipal de Música, que vai camiño dos 17 anos e que se nutre dos alumnos da Escola Magariños; e tamén as Cantareiras de Altamira, que veñen de gravar un disco.











